06 abr 2017

Turismo de Galicia leva a San Sebastián a campaña ‘Viños e Camelias’

Tras o seu paso por Bilbao en marzo, con máis de 3.000 asistentes, a campaña desenvolverase durante todo este mes nesta viñoteca de San Sebastián

A campaña incluirá durante todo o mes a recreación dun bosque de camelias, catas de viño da D.O. Rías Baixas ou degustación de cociña típica galega

A cidade de San Sebastián acollerá durante todo este mes de abril a campaña promocional ‘Viños e Camelias’, unha experiencia turística creada por Turismo de Galicia ao carón da Ruta da Camelia e as adegas que forman parte da denominación de orixe Rías Baixas que, ao seu paso pola cidade de Bilbao en marzo, superou os 3000 visitantes.

A presentación da campaña en San Sebastián será mañá xoves na viñoteca Lukas Gourmet, cun cóctel a cargo do cociñeiro galego Pepe Solla e onde se ofrecerá aos asistentes servizos con produtos de camelia como puntos de té ou estética. Tamén se ofrecerá a posibilidade de degustar os viños da D.O. Rías Baixas.

Durante todo este mes, a campaña focalizarase nesta viñoteca, que albergará nas súas instalacións unha recreación dun bosque de camelias, xunto a unha selección dos mellores viños galegos da D.O. Rías Baixas nunha zona expositiva do local.

Tamén se organizarán alí diferentes catas de viños e se poderá degustar durante todo o mes da mellor da gastronomía galega no seu restaurante, que ofrecerá nas fins de semana un menú elaborado con pratos típicos da nosa comunidade.

A proposta gastronómica que comprende a campaña incluirá tapas galegas que se servirán no restaurante da viñoteca nos días de semana. Durante o mes de abril, Lukas Gourmet será, tamén, o punto de venda para todo tipo de produtos de cosmética derivados da camelia.

Grande acollida da campaña

 A campaña recala durante este mes en San Sebastián despois dunha grande aceptación ao seu paso por Bilbao, onde a campaña se saldou con máis de 3.000 visitantes, preto dun centenar de contactos con operadores turísticos e unha cata de viño da D.O. Rías Baixas por parte de 25 usuarios de Instagram que obtivo un alcance total de máis de 25.000 seguidores.

 

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!