Nava Castro pon en valor o gran potencial de Galicia como destino enoturístico na feira do viño do Ribeiro
Durante o acto, Nava Castro afirmou que o turismo enolóxico está a ter un auxe moi significativo converténdose nun dos principais reclamos da Comunidade galega
Neste senso, resaltou a importancia de seguir traballando pola mellora da calidade e a excelencia poñendo en releve iniciativas as Rutas dos Viños ou a aplicación Enoturismo de Galicia
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o xefe territorial da Consellería de Medio Rural, Iago Borrajo, asistiron á LIV Feira do Viño do Ribeiro, que se celebrou esta fin de semana en Ribadavia, para facer entrega dos premios da cata popular realizada no marco deste evento.
Durante o acto, Nava Castro destacou o gran potencial enoturístico do territorio do Ribeiro, en particular, e de Galicia, en xeral, así como a importancia de seguir traballando pola mellora da calidade e a excelencia co obxecto de satisfacer as demandas dun público cada vez máis esixente.
A responsable de Turismo da Xunta referiuse á importancia do turismo enolóxico e a súa vinculación coa gastronomía, co patrimonio, coa cultura e coa tradición que rodea ao mundo do viño. “Todo este conxunto consegue que o feito de probar novos viños e visitar os territorios nos que se producen estea a converterse nunha tipoloxía turística cun auxe significativo”, afirmou.
Así mesmo, sinalou que cada vez son mais os turistas que acoden a Galicia para entender a concepción dos viños. “O turismo enolóxico estase a converter na Comunidade galega nun dos nosos principais reclamos, xa que outorga unha experiencia orixinal ao englobar unha infinidade de posibilidades para todos os gustos e preferencias”, afirmou a directora de Turismo de Galicia.
Neste senso, puxo en releve a aposta do departamento que dirixe pola consolidación da nosa Comunidade como un destino enoturístico de referencia destacando actuacións como as Rutas dos Viños ou a aplicación Enoturismo de Galicia, entre outras actuacións.
Así mesmo, Nava Castro resaltou que nesta semana Turismo de Galicia presentará unha nova edición das Xornadas de Portas Abertas nas Rutas dos Viños de Galicia que permitirán un ano aos visitantes acceder de xeito gratuíto e guiado ás máis de 100 adegas participantes das cinco denominacións de orixe de Galicia e realizar un completo programa que inclúe catas e degustacións.
“Xunto a creación de produtos e campañas de promoción, Galicia tamén aposta pola calidade no sector enoturístico”, afirmou Nava Castro, destacando que a nosa comunidade é a primeira en certificacións de calidade no sector do turismo industrial por encima de comunidades cunha gran tradición vitivinícola.