15 mai 2017

Tres viaxes de familiarización promoverán o turismo galego en Rusia, Alemaña, Australia e Nova Zelanda

 Turismo de Galicia organizou a visita de 24 profesionais rusos para que coñeceran parte da oferta turística do territorio galego

A revista alemá Freundin publicará unha reportaxe sobre a influencia celta na cultura galega e o turismo mariñeiro

Unha xornalista australiana e outra neozelandesa poderán coñecer o Camiño de Santiago

 Tres viaxes de familiarización internacionais, organizados por Turismo de Galicia, permitirán a promoción da oferta turística galega en Rusia, Alemaña, Australia e Nova Zelanda.

Un total de 24 representantes do operador ruso Natalie e tres xornalistas visitaron o territorio da Comunidade galega para coñecer parte da súa oferta turística.

A estancia en Galicia dos axentes de viaxes rusos, que inclúe recursos turísticos das catro provincias, comezó cun percorrido pola meta do Camiño de Santiago e unha visita a distintos lugares incluídos na Ruta da Camelia.

Os visitantes rusos terán a oportunidade de coñecer parte dos atractivos turísticos costeiros de Galicia así como distintas vilas históricas da comunidade. Ademais, poderán facer un cruceiro para coñecer as posibilidades para o turismo náutico que ofrece a costa galega.

Patrimonio da humanidade

Os operadores rusos tamén visitarán parte dos bens Patrimonio da Humanidade cos que conta a Comunidade galega, así como outros recursos culturais, patrimoniais e gastronómicos.

Na súa estadía, estes representantes do operador turístico Natalie coñecerán tamén a enogastronomía de Galicia ademais do potencial termal galego.

Cultura celta

Por outra parte, unha xornalista alemá comezou onte unha visita a Galicia que a levará a coñecer distintos lugares da xeografía galega relacionados coa cultura celta.

Ademais, tamén recadará información sobre o turismo mariñeiro na Comunidade galega para escribir unha reportaxe na revista Freundin.

Camiño de Santiago

Por outra parte, ao longo destes días, unha xornalista australiana, da revista International Traveller, e unha neozelandesa, da publicación TravelInc & Meeting News, percorren a Comunidade galega ao obxecto de coñecer o Camiño de Santiago.

Ademais, na súa viaxe a Galicia, estas dúas profesionais da comunicación poderán coñecer parte do patrimonio monumental galego así como outros recursos turísticos da Comunidade galega.

 

Arriba