05 mar 2018

A Ruta da Camelia completa a súa sinalización coa identificación das especies máis singulares e dotarase dun sistema de radioguías

 A directora de Turismo visitou hoxe no Pazo de Rubiáns os avances desta iniciativa que dotará de maior calidade á experiencia turística deste itinerario

 
Nos 12 parques, xardíns e pazos de distintas localidades da Comunidade este itinerario consolidouse como perfecto recurso para desestacionalizar a oferta
 
Nava Castro, no Pazo de Rubiáns.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou  o Pazo de Rubiáns, un dos 12 pazos e xardíns que forman parte da Ruta da Camelia e onde se están a levar cabo numerosos avances para completar a súa sinalización, con paneis que identifiquen as especies máis salientables.

Trátase dunha iniciativa impulsada por Turismo de Galicia, en colaboración coa Sociedade Española da Camelia, coa intención de mellorar a calidade dos servizos e instalacións ligados a cada un dos xardíns integrados na Ruta da Camelia. Ao abeiro desta colaboración, farase un novo reforzo promocional coa reedición de folletos informativos introducindo as actualizacións en patrimonio botánico e nos percorridos das paradas deste itinerario.

Tamén se prevé a adquisición dun sistema de radioguía inalámbrico que facilite a realización da visita dos grupos que se achegan aos xardíns. De xeito paralelo a todos estes sistemas de información, estase a realizar, ademais, un reforzo na sinalización no interior dos espazos nos que se poden ver as camelias, con paneis informativos das especies máis singulares.

“Con estas accións faremos máis accesible e didáctica esta ruta”, explicou Nava Castro referíndose, ademais, ao crecente interese deste recurso turístico consolidado xa como un perfecto reclamo fóra de tempada alta. Ademais do Pazo de Rubiáns, son sete as paradas que este itinerario ten na provincia de Pontevedra. Trátase do Pazo Quinteiro da Cruz, en Ribadumia; o Pazo de Oca, na Estrada; o Pazo de Saleta, en Meis; o Pazo de Lourizán e o Castelo de Soutomaior en Pontevedra, así como o Parque do Castro e o Pazo Museo Quiñones de León en Vigo. Na provincia da Coruña, a Ruta da Camelia inclúe os pazos de Santa Cruz de Ribadulla, en Vedra; o Pazo de Mariñán, en Bergondo; o Pazo Museo de Rosalía de Castro, en Padrón e a Alameda de Santiago de Compostela.

Enogastronomía e patrimonio

A Ruta da Camelia convértese así no fío condutor para ir descubrindo o patrimonio vexetal, natural, a arquitectura dos pazo galegos, o patrimonio eclesiástico e monástico ou a riqueza da nosa enogastronomía de costa e de interior. Por todo iso, desde Turismo de Galicia, no marco da Estratexia de Turismo de Galicia 2020, trabállase para poñer en valor este recurso único, tendo presenza nas principais feiras e certames deste tipo que se celebran en Europa e traballando por introducir a Ruta da Camelia nos principais mercados turísticos interesados neste tipo de produto.

 

Arriba