10 xul 2018

As igrexas do Camiño de Santiago abrirán este verán grazas á colaboración entre Turismo de Galicia e as entidades eclesiásticas

 eregrinos, turistas e galegos en xeral poderán achegarse ata o outono a unha trintena de templos e capelas e coñecer o seu valor, significado e a súa historia

 
O Goberno galego colabora coa Arquidiocese de Santiago e coa Diocese de Lugo para poñer en valor o patrimonio espallado por cinco itinerarios e tres provincias
 
Os espazos abrirán durante toda a semana cun extenso horario de mañá e tarde na época de maior afluencia de camiñantes, chegados de ata 160 países distintos
 
“En Galicia gústanos compartir o noso patrimonio e a nosa identidade, pois sabemos que é o mellor xeito de preservalo e enriquecelo”, afirmou Nava Castro
 
O Plan director do Camiño de Santiago, en marcha desde 2015 cun orzamento de máis de 56 millóns, inclúe accións para a posta en valor do patrimonio xacobeo
 
Presentación do programa de apertura de igrexas.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do delegado territorial de Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, presentou xunto ao bispo da Diocese de Lugo, Alfonso Carrasco, o programa de apertura de igrexas no Camiño de Santiago. Grazas a esta iniciativa de colaboración entre o Goberno galego e as entidades eclesiásticas, numerosos templos de diversas rutas xacobeas abrirán este verán.

Ao proxecto presentado esta mañá súmase tamén o existente coa Arquidiocese de Santiago de Compostela, o que permite que os viaxeiros se acheguen ao rico e variado patrimonio cultural existente no Camiño de Santiago. Os templos incluídos neste programa terán un amplo horario de visitas durante toda a semana –cun único día de descanso– e contarán con persoal para poder interpretar e explicar a historia, o valor e o significado destes lugares.

“En Galicia gústanos compartir o noso patrimonio e a nosa identidade, pois consideramos que é o mellor xeito de preservalo e enriquecelo”, salientou Nava Castro, quen subliñou que se beneficiarán deste programa non só os peregrinos, senón tamén os galegos en xeral e todos os turistas que desexen coñecer os recursos da Comunidade ata o outono.

No caso da Diocese de Lugo, abrirán ás súas portas igrexas e capelas do Camiño Francés, do Camiño Primitivo e da Vía da Prata. Trátase de espazos localizados tanto na provincia de Lugo como na de Coruña e Pontevedra, en concellos incluídos en dita diocese. A todos eles se engaden os templos da Arquidiocese de Santiago de Compostela no Camiño Francés, no Camiño Portugués e no Camiño Inglés, amais de na capital galega, meta da peregrinación.

Impacto cultural positivo

No acto desenvolvido en Melide, coa participación de diferentes autoridades relixiosas e civís, comentouse tamén o folleto editado para este programa, con información e horarios das igrexas participantes. Como lembrou a directora de Turismo, a Xunta vén de realizar un estudo coa Universidade de Santiago de Compostela para analizar o impacto da ruta en diferentes eidos, entre eles o cultural. Neste sentido, subliñou que unha das conclusións é que un dos aspectos máis valorados polos residentes dos concellos polos que discorre o Camiño de Santiago é a súa contribución á restauración e á mellora do patrimonio cultural e a oportunidade para coñecer outras culturas. “Con este acordo de colaboración entre a Xunta e a Diocese de Lugo, estamos a reforzar esta percepción”, declarou Nava Castro.

Nun 2018 no que se celebra o Ano Europeo do Patrimonio Cultural e o 25 aniversario da declaración do Camiño Francés como Patrimonio Mundial, afirmou que son “contextos propicios para seguir traballando a prol do gran tesouro que gardan os itinerarios xacobeos”.

Este programa será, como manifestou, unha oportunidade para persoas de todo o mundo, pois só no que vai de ano recolleron a súa Compostela, que acredita a culminación da ruta, máis de 138.000 persoas, o 61% estranxeiros de 160 países. O volume de camiñantes, que adoita ser maior na tempada estival, está a ser este ano un 9,5% superior que en 2017.

Templos participantes

No caso da Diocese de Lugo, abrangue as igrexas de Santa María de O Cebreiro, Santiago de Triacastela, o punto de información do Mosteiro de Samos, O Salvador de Sarria, San Nicolás de Portomarín, O Salvador de Vilar de Donas, San Tirso de Palas de Rei, San Xoán de Furelos, San Pedro de Melide, Santiago de Boente, Santa María de Fonsagrada, Santa María de Vilabade, a Catedral de Lugo, incluída na declaración de Patrimonio Mundial dos Camiños do Norte, Santiago de Taboada, en Silleda, e Santa María de Dozón.

Pola súa banda, na Arquidiocese de Santiago de Compostela inclúense os templos de A Peregrina en Pontevedra, a Capela de San Marcos no Parque Monte do Gozo, a Capela Xeral de Ánimas, San Bieito, Santa María do Camiño, San Andrés de Barciela, o Mosteiro das Beneditinas, a Colexiata de Iria Flavia, a Capela da Madalena, Capela de Francos, Santo Domingo de Betanzos, Santa María de Betanzos e Santiago de Betanzos.

O Plan director do Camiño de Santiago, co que a Xunta está a traballar desde 2015 cun orzamento de máis de 56 millóns de euros, conta con oito liñas estratéxicas, entre as que se inclúen accións de colaboración coas entidades eclesiásticas, a potenciación de todas as rutas de peregrinación e a preservación e potenciación dos seus valores patrimoniais.

 

Arriba