Galicia leva a Valencia a recreación dun bosque de camelias con viños galegos que poderá visitarse durante o mes de abril
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou e nun acto para presentar esta campaña itinerante levada a cabo pola Consellería de Cultura e Turismo que promove a Ruta da Camelia e as adegas da D.O. Rías Baixas
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou en Valencia na presentación da campaña itinerante Viños e Camelias, posta en marcha pola Consellería de Cultura e Turismo para promover a Ruta da Camelia e as adegas da D.O. Rías Baixas, que vén precedida polos máis de 11.000 visitantes que recibiu no País Vasco ou os máis de 30.000 que a descubriron o ano pasado en Sevilla.
Durante o mes de abril, El Corte Inglés situado na rúa Pintor Sorolla acollerá a recreación dun bosque de camelias onde se inclúen mostras de varios viños galegos da denominación de orixe das Rías Baixas, dous dos recursos, indicou Nava Castro, “que máis e mellor están a saber prestixiar a Marca Galicia”. Durante as vindeiras semanas organizaranse no restaurante deste establecemento comercial diferentes xornadas gastronómicas galegas e tamén se ofrecerá tapeo diario con produtos típicos de Galicia.
Os viños da D.O. Rías Baixas terán unha presenza destacada nos supermecados do establecemento e tamén se organizarán tres catas de viño, os días 10, 17 e 24 de abril, na terraza do establecemento, a cargo de diferentes viticultores e enólogos.
Preto de 120.000 valencianos
Instalarase, ademais, un punto de información turística da Comunidade galega para promover Galicia nun mercado como o valenciano que, segundo as estatísticas da Oficina do Peregrino, é a terceira das comunidades autónomas que máis realiza o Camiño de Santiago. Amais, o Instituto Nacional de Estatística (INE) cuantificou en 2018 preto de 120.000 viaxeiros procedentes de Valencia, cun incremento da estadía media de case o 5%.
En palabras de Nava Castro, Viños e Camelias permitirá pór ao alcance de Valencia dous dos recursos que máis atracción están suscitando entre os visitantes da Comunidade galega, os viños e as camelias, unha “combinación perfecta” asegurou, para “todo aquel que busque o turismo evocador de experiencias e emocións que Galicia pode ofrecer”. Tras manter un encontro con medios de comunicación locais, pola noite realizarase un acto con axentes de viaxes, xornalistas e blogueiros e asociacións culturais. Contarase coa presenza do chef con Estrela Michelin Pepe Solla e se instalarán postos con produtos de estética derivados desta flor e unha zona de servizo de té de camelia.