11 feb 2019

Galicia presentou os seus recursos turísticos no ‘Salon des Vacances’ de Bruxelas, un dos principais certames continentais

A Xunta expuxo as principais novidades de comercialización do destino Galicia

En 2018, 20.611 viaxeiros belgas se aloxaron en hoteis da nosa Comunidade, cun incremento na súa demanda do 8,6% respecto ao ano anterior
 
 A Consellería de Cultura e Turismo iniciou tamén a promoción do segmento do turismo de congresos coa súa presenza en CONFEC, en Canne
Recinto de Galicia no Salon des vacances.

O Salon des Vacances de Bruxelas celebrou este ano a súa 61 edición como un dos certames turísticos máis importantes do centro de Europa e conta, como en anos anteriores, coa presenza da oferta turística galega a través dun espazo de promoción no que participou a Consellería de Cultura e Turismo.

Así,o recinto feiral Brussels Expo acolleu, na capital belga, o expositor de Turespaña onde o departamento de turismo da Xunta promoveu os recursos e atractivos da Comunidade con dous módulos dentro do recinto español. Esta acción forma parte da estratexia de promoción exterior desenvolvida a través de Turismo de Galicia para fomentar a captación e fidelización dos distintos viaxeiros internacionais.

Os visitantes deste certame adoitan ser viaxeiros que planifican e organizan individualmente as súas vacacións, programando estadías de entre sete e quince días. Tamén a marca España Verde –formada por Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco– está consolidada neste mercado e un gran número de viaxeiros belgas percorren as rexións do norte peninsular, iniciando o seu itinerario no País Vasco e rematando na nosa Comunidade. Ademais, outro perfil de viaxeiro opta por iniciar en Galicia a súa viaxe e conclúe en Portugal. Para os seus desprazamentos, o medio de transporte máis habitual é o vehículo propio.

Máis turistas belgas

Polo que respecta á demanda turística de Bélxica en 2018, Galicia recibiu 20.611 visitantes que se aloxaron nos seus establecementos hoteleiros, onde realizaron 36.951 pernoitas. Esta cifra supón un incremento do 8,6% en relación ao mesmo período do ano 2017. Ademais, a estadía media dos viaxeiros belgas nos hoteis e pensións aumentou un 7%.

Por outra parte, Turismo de Galicia participou tamén estes días no certame CONFEC, que se celebrou na cidade francesa de Cannes ao obxecto de promover o turismo de congresos, reunións e incentivos no mercado europeo, un segmento estratéxico no que Galicia conta cunha interesante combinación de elementos que fan dela un destino atractivo. Neste foro especializado os representantes de Turismo de Galicia terán a oportunidade de presentar os servizos e produtos relacionados co chamado turismo MICE aos operadores internacionais.

 

Arriba