25 feb 2019

Cultura e Turismo impulsa a formación dos profesionais de Pontevedra nos sistemas de calidade turística en destino

 A Consellería vén de celebrar unha nova acción formativa na que participaron numerosos profesionais da provincia para afondar na competitividade de Galicia

 
Acción formativa en calidade turística.

 Técnicos de concellos, axentes de desenvolvemento local, informadores turísticos así como diferentes profesionais vinculados laboralmente ao destino Galicia veñen de participar nunha nova acción formativa impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo na cidade de Pontevedra para achegar as claves dos sistemas de calidade turística en destino, cos que Galicia avanza en competitividade.

Posta en marcha en colaboración coa Secretaría de Estado de Turismo a acción formativa nace coa intención de expandir na nosa Comunidade o Modelo de Calidade Turística Española en Destinos co que actualmente xa traballan sete lugares en Galicia: Ferrol, Guitiriz, Baiona, Sanxenxo, Rías Baixas, Santiago de Compostela e Terras de Pontevedra Norte- Deza Tabeirós.

Durante a xornada afondouse nas claves para levar a cabo unha xestión integral da calidade en destino de maneira permanente, así como os traballos para impulsar a implantación da calidade nas empresas e negocios turísticos da Comunidade. Incluíuse formación como distintivos que acreditan esta calidade como os SICTED, o proceso de adhesión, así como manuais de boas prácticas, entre outras.

Con este obradoiro formativo, a Consellería de Cultura e Turismo continúa afondando na calidade do destino, implicando tamén a todos os profesionais fomentando a conciencia integral de destino e a identificación de obxectivos comúns para todos os axentes implicados, públicos e privados.

 
Arriba