O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou na apertura da cuarta edición do Gastroforum, o foro formativo organizado pola Consellería de Cultura e Turismo que, co título Gastronomía con propósito, afonda este ano nas claves da xestión sustentable aplicada á gastronomía. Estas xornadas, abertas a estudantes e membros do sector, contan con recoñecidos profesionais en mesas de debate e obradoiros.
Na súa intervención, o titular de Cultura e Turismo puxo en valor a cultura enogastronómica de Galicia e lembrou que a materia prima da nosa Comunidade “conta cunha gran variedade de produtos singulares que son moi apreciados en todo o mundo”. Nesta liña, Román Rodríguez lembrou a importancia de cociñar “respetando o terreo no que se cultivan os produtos e tendo en conta as culturas e tradicións culinarias de cada territorio”.
“O feito de que Galicia conte cunha cultura propia fai posible que Galicia esté a consolidarse como un destino enogastronómico de primeiro nivel”, destacou o conselleiro de Cultura e Turismo. Proba disto é que as enquisas que se realizaron durante a elaboración da Estratexia do Turismo de Galicia 2020 puxeron de manifesto que a gastronomía e xa o segundo motivo polo que os turistas elixen visitar a nosa Comunidade.
Acadar os obxectivos marcados na Estratexia 2020 só é posible, tal e como lembrou Román Rodríguez, a través da profesionalización e da formación. “Estas metas só se poderán alcanzar da man de centros como o Centro Superior de Hostelería de Galicia, un referente a nivel internacional e un modelo de formación de excelencia, con profesionais altamente cualificados, adaptados aos tempos actuais e que logran colocarse no mercado laboral”, explicou.
Nesta cuarta edición do Gastroforum díronse cita representantes de diferentes restaurantes galegos avalados pola súa traxectoria como Iván Domínguez, do restaurante Nado; Sergio Musso e Paco Chicón do Eclectic; Diego López, de La Molinera; Javier Olleros, de Culler de Pau; Iria Espinosa de Árbore da Veira; Kike Piñeiro, de A Horta do Obradoiro; Marco Martínez, bar manager de Boanerges; Pepe Solla, de Casa Solla, Alberto Lareo; Miguel Fernández, de Morgana, ou Lucía Freitas, de A Tafona.
Tamén estiveron presentes profesionais do sector como o presidente do Clúster Alimentario de Galicia, Juan Vázquez; o delegado de Ecotur Galicia, Lucas Requejo; a responsable de márketing de Casa Grande de Xanceda, Jessica Rey; os editores da revista especializada La Alacena Roja, Martina Vicente e Alberto Traversa; o director de Cociñando na fin do mundo, Alberto Baamonde; o director de Onda Cero Galicia e colaborador do proxecto Cociñando a Paz, Ignacio Capeáns; a consultora e formadora en Xestión do Talento, Gloria Santamaría, ou a decana da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Mª del Carmen Fernández.
Papel da muller
A xornada deu comezo co acto de inauguración ao que lle seguiu a mesa redonda Responsabilidade da cadea alimentaria. Desenvolvemento dun modelo de xestión sustentable para evitar a carestía de recursos. A continuación foi a quenda dun obradoiro sobre a aplicación da creatividade para xestionar a biodiversidade e das mesas redondas A gastronomía cociña o cambio social e A evolución da hostalería cara un modelo horizontal.
Pola tarde tivo lugar un obradoiro de cociña impartido pola chef Lucía Freitas, baixo o título A cociña das avoas, un legado de boas prácticas cara un modelo sustentable. O cuarto Gastroforum rematou cunha actividade retrospectiva sobre o papel da muller na cociña que incluíu unha homenaxe a Lucía Freitas, que vén de recibir a súa primeira Estrella Michelin e que este ano celebra o décimo aniversario do seu restaurante A Tafona.
A partir destes obradoiros e mesas redondas, esta nova edición do Gastroforum pretende promover a importancia da gastronomía como un axente clave para a evolución do destino galego cara á excelencia, afondando na necesidade de levar a cabo un modelo de xestión sustentable dos recursos, sabendo actualizar a tradición culinaria.