Román Rodríguez pon en valor a aposta pola excelencia e a calidade do CSHG na graduación de preto de 70 alumnos
O titular de Cultura e Turismo eloxiou o esforzo dos estudantes e destacou que o seu paso polo centro “vai ser un importante aval” de cara ao seu futuro laboral
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presidiu na Cidade da Cultura a graduación dos preto de 70 alumnos do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) que acaban de rematar os seus estudos. En concreto, recibiron o Diploma Superior en Xestión Hoteleira 59 alumnos e entregáronse outros nove de Gastronomía e Xestión de Cociña.
Nun emotivo acto marcado pola presencia dos familiares e profesores, o titular de Cultura e Turismo quixo eloxiar o traballo realizado polos estudantes ao longo da súa etapa académica. “O día de hoxe é un premio ao esforzo que vides realizando, un día no que deixades atrás unha etapa da vosa vida e pasades da formación á profesión”, salientou.
Román Rodríguez recoñeceu tamén o traballo realizado polos profesionais do CSHG, un equipo composto por 60 persoas das cales 42 son docentes. “O equipo deste centro leva conseguido os máis altos estándares de calidade e profesionalidade”, afirmou antes de engadir que o paso dos alumnos por esta institución educativa será “un importante aval” de cara ao seu futuro laboral.
Acompañando aos alumnos estaba Darío Villanueva, que exerceu como padriño da promoción. O ex presidente da Real Academia Española foi escollido por ocupar o posto de reitor na Universidade de Santiago de Compostela (USC) cando se asinou o primeiro convenio de vinculación e comezou a impartirse o Diploma Superior en Xestión Hoteleira como título propio da USC.
Importancia para el sector turístico
O conselleiro de Cultura e Turismo sostivo que este día era tamén importante para o turismo galego porque “sumamos ao sector preto de 70 novos profesionais polivalentes e perfectamente adaptados aos novos tempos grazas a unha ensinanza de calidade no Centro Superior de Hostelería de Galicia”.
Cómpre destacar que este ano o CSHG celebra o seu 25 aniversario. Unha data que, tal e como avanzou Román Rodríguez, “teremos a oportunidade de celebrar nuns días e neste mesmo espazo”.