28 mai 2019

Preto de 80 concellos benefícianse este ano das axudas de Cultura e Turismo para contratar persoal en oficinas de turismo

 O DOG publica hoxe a resolución desta convocatoria, por un importe total de preto de 240.000 euros, que recibiron todas as entidades que o solicitaron

 
Permitirá reforzar a atención de calidade aos viaxeiros que visiten as catro provincias durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro
 

 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria das axudas da Consellería de Cultura e Turismo para a contratación de persoal nas oficinas de municipios turísticos e dos xeodestinos galegos, da que se benefician preto de 80 concellos galegos.

Como se especifica na resolución, este ano, a Xunta, a través da Axencia Turismo de Galicia, outorga axudas por un importe de preto de 240.000 euros a máis de 40 municipios e a seis entidades locais que aglutinan máis de 30 concellos, polo que as subvencións repercutirán en preto de 80 municipios galegos das catro provincias, a razón dunha media de 20 por cada unha das provincias. Ao tratarse dunha liña de axudas en concorrencia non competitiva, resultaron beneficiadas todas as entidades que o solicitaron.

Dotarase de persoal, entre outras, ás oficinas de turismo de varios concellos da Costa da Morte, as Rías Altas, a Ría da Arousa, a Mariña Lucense así como a Ribeira Sacra ou varios concellos do interior das provincias de Pontevedra e Lugo.

Máis colaboración coas entidades locais

O persoal contratado ao abeiro destas subvencións realizará a súas tarefas durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro permitindo reforzar así a atención de calidade aos viaxeiros que visiten as catro provincias galegas especialmente neste período de tempo.

Esta liña de axudas enmárcanse na aposta da Consellería de Cultura e Turismo por afondar na colaboración coa administración local tanto a través da posta en valor dos seus recursos e infraestruturas turísticas como apostando pola profesionalización e reforzo da atención e información aos visitantes.

 
Arriba