Turismo de Galicia inaugura en Pistoia unha mostra fotográfica arredor da hospitalidade no Camiño de Santiago
A cidade italiana acollerá ata abril esta mostra fotográfica itinerante que recolle a experiencia e os valores universais do Camiño a través do traballo de Manuel G. Vicente
No marco da celebración do Xacobeo 21-22, a Sala Affrescate do Palazzo Comunale de Pistoia (Italia) acolle a mostra “Acollida e Hospitalidade no Camiño de Santiago”, onde permanecerá ata o vindeiro 10 de abril. Situada en plena praza da Catedral de Pistoia e moi preto da mouteira simbólica que en 2019 se colocou marcando a distancia ata Santiago, a mostra ten como obxectivo impulsar a celebración deste Xacobeo excepcional ao tempo en que se chama a atención sobre unha das pedras angulares arredor das que xira a propia experiencia do Camiño, a hospitalidade xacobea.
Trátase dunha mostra itinerante que leva viaxando por diferentes puntos de España e do estranxeiro desde 2016. A que onte foi inaugurada en Pistoia está composta por 47 fotografías de Manuel G. Vicente realizadas ao longo das últimas décadas, tanto nas rutas como nos albergues de peregrinos e nas que se recollen instantáneas da espiritualidade do Camiño e da experiencia da acollida, ademais de engadir os valores paisaxísticos que tamén se poden apreciar no traballo de Vicente.
A elección de Pistoia para acoller esta mostra non é casual xa que, ademais do nexo histórico e cultural que garda co Camiño e con Santiago, cómpre lembrar que o ano pasado foi Santiago de Compostela a cidade que acolleu unha exposición realizada por Pistoia na que a peza principal foi un altar de prata, a peza de ourivaría máis importante de Europa medieval, creada na honra do Apóstolo Santiago e que se conserva no Duomo de Pistoia, como un regalo enviado polo bispo Diego Xelmírez ao bispo Ato no século XII.