20 nov 2023
A Xunta amplía o programa Xacobeo Xove a 2024 e incorpora á mocidade de toda España e en idade escolar
O Consello da Xunta aprobou novidades no programa Xacobeo Xove, a iniciativa que promove a experiencia do Camiño de Santiago entre a mocidade a través de descontos en paquetes deseñados por axencias de viaxe galegas para calquera dos itinerarios xacobeos.
Ao abeiro do acordado, o Xacobeo Xove renóvase ata novembro de 2024 e ampliará o número de beneficiarios ao incluir tamén aos mozos en idade escolar e os de fóra de Galicia. Tamén incorporará a participación de axencias de viaxe maioristas galegas que poderán comercializarar os paquetes turísticos.
En concreto, o Xacobeo Xove estende agora o rango de idade, que pasa dos 18-30 actuais, a 12-30 anos sempre que os menores estean acompañados por adultos. Ademais, para realizar os paquetes turísticos, xunto ás axencias minoristas galegas, tamén se engaden as axencias maioristas galegas que poderán ofrecer os paquetes que comercialicen a axencias minoristas que operen noutras comunidades autónomas, polo que se poderán beneficiar tamén grupos de fóra de Galicia.
O Programa Xacobeo Xove é unha iniciativa financiada por Turismo de Galicia que se puxo en marcha o pasado mes de xullo en colaboración coa Consellería de Política Social e Xuventude, o Clúster Turismo de Galicia, así como a Asociación de Axencias de Viaxes de Galicia (AGAVI), a Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia (ATREGA) e a Asociación Provincial de Axencias de Viaxes de Pontevedra (AVIPO).
Diríxese a fomentar a peregrinación entre a poboación máis nova, para o que se conta coa colaboración das axencias de viaxes que crean paquetes turísticos nos distintos itinerarios do Camiño de Santiago para os usuarios do Carné Xove a un prezo especial que inclúe un desconto de 200 euros sobre o prezo habitual.
Desde a súa posta en marcha están activos máis de 60 paquetes turísticos que se poden consultar na web www.xacobeoxove.com, desde onde tamén se poden consultar os requisitos e desde onde tamén as empresas poden adherirse. Con estas novidades preténdese facilitar a súa comercialización e ampliar o número de beneficiarios.