02 mar 2026

A Sociedade Anónima do Plan Xacobeo galardoada co Premio Servir dos Clubs Rotarios de Galicia

A Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo resultou galardoada co Premio Servir que outorga os Clubs Rotarios de Galicia e que será entregado no decurso dun acto que terá lugar este venres ás 14,00 horas no Gran Hotel Los Abetos de Santiago de Compostela.

A entidade recoñece así o gran labor realizada polo Plan Xacobeo desde a súa creación, difundindo e poñendo en valor os Camiños de Santiago, recuperando pobos e lugares abandonados e promovendo as distintas rutas xacobeas así como a experiencia xacobeag. Neste sentido, os Clubs Rotarios de Galicia valoran tamén a rede pública de albergues do Xacobeo que permite dar un servizo de atención aos miles de peregrinos que cada ano deciden facer o Camiño de Santiago. 

O Premio Servir é  o recoñecemento máis importante que concede a Organización Rotaria, e pretende destacar algunha persoa física ou xurídica que faga un labor importante a favor da cidadanía.  O acto oficial de entrega rematará cun xantar benéfico que terá un custe por persoa de 50 euros e no que os asistentes doarán parte do mesmo -10 euros- á ONG ‘ACEM, Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Párkinson, ELA e outras enfermidades neurodegenerativas’. 

As persoas que desexen acudir ao evento poderán adquirir as invitacións desde este luns. Para máis información, dirixirse ao Rotary Club nos teléfonos 609 810 731 e 660 044 361.

Arriba