Comeza a segunda parte dos cursos do programa europeo Visit Minho Plus cun sobre IA, redes e SEO aplicados a turismo
A segunda parte do programa educativo do proxecto Visit Minho Plus estase a desenvolver centrándose no marketing dixital. A formación, organizada baixo a clave ‘SEO, redes sociais e IA aplicadas ao turismo’, estrutúrase como un curso gratuíto online en cinco sesións prácticas en directo.
O curso propón mellorar a presenza dixital da empresa turística, para o que se afondará na mellora da visibilidade en buscadores a través do SEO e nas redes sociais. Tamén se traballará a creación de campañas publicitarias en Google Ads, Meta Ads ou TikTok, así como a aplicación de intelixencia artificial na promoción turística e a atención ao cliente e o emprego de automatización, CRM e análise de datos para a toma de decisións.
Visit Minho Plus
Esta formación está incluída dentro do programa educativo da iniciativa Visit Minho Plus, que propón seis cursos para a innovación e o turismo sostible, en materias como o deseño de experiencias turísticas innovadoras, a internacionalización de produtos turísticos locais, a sustentabilidade ou, no caso actual, o marketing dixital. En total, realizaranse 105 horas de formación estruturadas neses seis cursos e distribuídas en sesións de cinco horas cada unha.
O proxecto Visit Minho Plus está cofinanciado nun 75% por fondos europeos, a través do programa Interreg VI-A España–Portugal (POCTEP) 2021-2027. Este programa ten en marcha outras iniciativas, como a Aceleradora Transfronteiriza de Proxectos Turísticos Innovadores de alto impacto, sostibles e de calidade Turislab; o Clúster Transfronteirizo de Turismo na Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal CLUSTERTUR_GNP; e GERÊS_XURÉS_MAIS_SUSTENTÁVEL, con foco na sostibilidade da actividade turística. En total, destinaranse 4,86M€, dos que Turismo de Galicia asume 1,39M€.