31 xul 2026

Turismo de Galicia pon en valor en Cangas a unión de arte urbana, deporte e promoción turística

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou en Cangas a nova intervención artística realizada pola ilustradora e muralista galega Tamara Baz na pista de baloncesto da Alameda Nova, espazo que acolle os encontros do Torneo de Baloncesto 3x3 de Cangas no marco do Pirulí Fest. A obra dá continuidade á identidade visual iniciada en 2025 coa intervención da mesma artista na pista dos Xardíns de Andrea, mantendo a súa gama cromática inspirada na ría e nos motivos mariños.

Durante a visita, Xosé Merelles salientou que iniciativas que combinan deporte, arte e espazo público contribúen a reforzar o atractivo turístico de Galicia, ao tempo que proxectan unha imaxe moderna, dinámica e creativa de destinos como Cangas. Neste sentido, destacou que a celebración do Torneo de Baloncesto 3x3 favorece a dinamización turística e cultural da vila durante o verán, diversifica a oferta do destino e atrae visitantes de diferentes puntos de España e do estranxeiro.

Arriba