01 ago 2026

A Xunta promove o destino Galicia co patrocinio de La Vuelta 2026 que se sigue en máis de 190 países

A Xunta de Galicia avanza na súa estratexia de promoción do destino, con vistas ao próximo Xacobeo 2027, co patrocinio de varias competicións deportivas que inclúen o apoio ao maillot branco en La Vuelta 26. A máxima competición masculina do ciclismo en España celebrarase entre o 22 de agosto e o 13 de setembro, con saída en Mónaco e peche en Granada. Este ano, como novidade, Turismo de Galicia, a través do Plan de Patrocinios do Xacobeo 2027, apoiará este recoñecemento que premia o ciclista menor de 26 anos mellor situado na clasificación xeral.

La Vuelta constitúe un dos maiores escaparates internacionais para a promoción turística das iniciativas vinculadas á carreira. A proba é seguida en máis de 190 países; reúne en cada edición máis de 1.000 xornalistas e fotógrafos acreditados e arredor de 5.000 persoas acreditadas, entre equipos, organización e persoal técnico, xerando un importante impacto económico nas cidades anfitrioas.

Ademais, máis de 17 millóns de espectadores seguen a competición pola televisión só en España, e a súa web oficial rexistra máis de 23 millóns de visitas ás que se suman os 227 millóns de visualizacións de vídeos nas súas canles oficiais en redes sociais.

O apoia a esta proba forma parte da estratexia de difusión do destino a través de eventos deportivos que desde a Xunta de Galicia se vén desenvolvendo desde fai anos e que ten nesta modalidade fitos tan destacados como o apoio á cuarta edición de La Vuelta Femenina by Carrefour.es, que este ano tivo catro das súas sete etapas en Galicia.

Ademais, desde o Goberno galego estase a impulsar O Gran Camiño, a proba ciclista que se desenvolve en territorio galego e que en 2026 chegou á súa quinta edición. Esta cita, como La Vuelta Femenina, constitúen importantes escaparates para a marca Galicia Calidade, ao chegar a numerosos países polo seu carácter internacional.

Arriba