Turismo de Galicia colabora con Turespaña na promoción do proxecto Anfitrións, creado para a difusión da cultura do detalle e o embelecemento dos destinos
Dentro do Plan do Turismo Español Horizonte 2020, o Goberno Central organiza a terceira edición de cursos on-line para destinos turísticos e empresas, que terán lugar entre o 6 de maio e o 7 de xullo de 2013.
Turismo de Galicia participará na difusión entre o empresariado e as administracións turísticas galegas, o proxecto Anfitrións, un programa de cursos on-line organizados polo Goberno Central a través de Turespaña para a difusión da cultura do detalle e o embelecemento dos destinos.
Este proxecto inclúese dentro do Plan do Turismo Español Horizonte 2020 e concrétase nun programa de cursos on-line para empresas e destinos turísticos.
O plan formativo incluído en Anfitrións desenvolverase entre os días 6 de maio e 7 de xullo e o prazo de inscrición estará aberto para Destino en Detalle entre os días 15 e 24 de abril e para Cultura do Detalle entre os días 13 e 22 de maio de 2013.
Todos aqueles interesados en participar nesta iniciativa poden obter información na páxina web www. anfitrionesturismo.es. Destacar que o plan formativo “Anfitriones” é totalmente gratuíto para os participantes.
As anteriores edicións do programa formativo Anfitrións, desenvolvéronse nos anos 2011 e 2012, e tiveron unha ampla resposta entre os profesionais do Turismo de España.
Con esta iniciativa preténdese contribuír á preparación das empresas e destinos turísticos para adaptaren os seus servizos ao ritmo que esixen as tendencias do mercado e impulsar un conxunto de estratexias e actuacións que sitúen o turista como centro de atención e perspectiva para a mellora competitiva de España.
Así, enténdese que o enriquecemento da experiencia turística precisa da posta en marcha de atributos tanxibles e emocións dos produtos turísticos. A cultura do detalle, a dimensión emocional do servizo e a relación co cliente, así como a imaxe percibida, constitúen aspectos diferenciais que se reforzan con este programa formativo, a través de actuacións asumidas polas propias empresas individualmente e de xeito colectivo e polas institucións públicas.