30 set 2014

A directora de Turismo de Galicia presenta un cómic sobre a vida de San Francisco no marco do VIII centenario da súa peregrinación a Santiago de Compostela

Con esta publicación acércase ao público en xeral e ao infantil en particular a biografía dun dos grandes personaxes da historia da Humanidade.

Este cómic súmase a outras grandes publicacións realizadas con motivo do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago como a versión galega de “As Floriñas” ou os catálogos das exposicións “Peregrino e Novo Apóstolo, San Francisco no Camiño de Santiago” e “On the Road”.

Nava Castro sinalou que estase traballando tamén nas actas do Congreso Internacional de Peregrinacións e Turismo que recollerán os relatorios dos grandes expertos que se deron cita en Santiago de Compostela.

Presentación do comic, onte en Santiago.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou onte o cómic sobre a vida de San Francisco no marco da conmemoración do oitavo centenario da súa peregrinación a Santiago de Compostela. O acto contou tamén coa presenza do xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, o responsable provincial franciscano, José Antonio Castiñeiras, e o autor do cómic, Manuel Méndez.

A dita publicación, editada en galego e castelán, relata como para o santo de Asís, o Camiño non foi unha meta, senón o principio dunha peregrinación e o “comezo dunha nova vida na que todos somos peregrinos”. En Santiago foille revelada a súa misión de espallar a súa Orde polo mundo, tal e como se revela neste cómic tan especial.

Durante o acto de presentación, a directora de Turismo de Galicia resaltou que a través deste cómic podemos coñecer dunha maneira amena e divertida a vida de San Francisco de Asís e a súa peregrinación a Santiago de Compostela. E engadiu que “esta publicación acerca ao público en xeral e ao infantil en particular a biografía dun dos grandes personaxes da historia da Humanidade”.

Segundo explicou Nava Castro, esta acción, súmase as outras grandes publicacións relacionadas con san Francisco realizadas con motivo da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago. Entre elas, podemos destacar a versión galega do libro “As Floriñas”, traducida do italiano medieval por Darío Xohán Cabana, un dos grandes expertos mundiais en literatura medieval italiana, e magnificamente ilustrada por Darío Basso, e os catálogos de exposicións tan relevantes como “Peregrino e Novo Apóstolo, San Francisco no Camiño de Santiago”, coa que se iniciou os actos da conmemoración en Asís e que tamén se puido visitar durante este verán na capital de Galicia, ou a mostra estrela do Centenario, “On the Road”, que conta coa presenza de grandes obras de prestixiosos artistas internacionais que están localizadas no Pazo de Xelmírez e na igrexa e cemiterio de Bonaval ata o 30 de novembro.

A directora de Turismo de Galicia sinalou que “estase traballando tamén nas actas do primeiro Congreso Internacional de Peregrinacións e Turismo celebrado neste mesmo mes”. Con elas quedarán plasmadas os relatorios dos grandes expertos das peregrinacións que se deron cita en Santiago de Compostela. Así mesmo, comentou que o congreso deixou tamén como legado a Declaración de Santiago de Compostela sobre Turismo e Peregrinacións. Nela, fíxose un chamamento unánime a todos os actores involucrados co fin de destacar, entre outros elementos, a valiosa contribución das peregrinacións e do turismo sostible ao diálogo intercultural, ao respecto universal polos valores espirituais da Humanidade e ao establecemento da paz e a prosperidade do mundo.

“Estes valores son algúns dos que impulsan ano tras ano a miles de camiñantes a visitar o sepulcro do Apóstolo Santiago ao igual que fixo fai 800 anos San Francisco de Asís, o cal, marcou intensamente a súa pegada no legado xacobeo e a súa contribución á internacionalización”, explicou a directora de Turismo de Galicia. E así se plasma no propio cómic cando relata “Francisco foi un gran viaxeiro, un trotamundos, viaxou por toda Italia, Francia, España, Oriente Medio e Terra Santa para converter aos musulmáns ao cristianismo. De entre todas estas viaxes fixo unha moi especial: O Camiño de Santiago”.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!