28 out 2015

O gasto dos turistas internacionais que visitaron Galicia en setembro acada un máximo histórico ao superar os 125 millóns de euros

O gasto total do turismo internacional medrou na comunidade galega no mes de setembro un 20,7%, ao rexistrar Galicia a taxa de crecemento máis elevada do conxunto do Estado

En canto ao acumulado do ano, os turistas internacionais que chegaron a nosa comunidade realizaron un gasto total de máis de 780 millóns de euros, co que se acada tamén un máximo histórico

O gasto total do turismo internacional en Galicia viuse incrementado nos nove primeiros meses do ano nun 11,9, en relación ao mesmo período do pasado ano

O gasto total do turismo internacional na comunidade galega medrou o pasado mes de setembro un 20,7%, en relación ao mesmo mes do ano anterior, segundo os datos da enquisa EGATUR, publicada polo Instituto de Turismo de España, que recolle as cifras relativas ao gasto que realizan en Galicia os visitantes non residentes no noso país.

Segundo esta enquisa, o gasto total que realizaron os turistas estranxeiros que visitaron Galicia neste setembro de 2015 foi de 125.957.579 euros.

O gasto total realizado polos turistas internacionais neste ano supón un máximo histórico no mes de setembro xa que a nosa comunidade nunca antes conseguira superar o nivel dos 105 millóns de euros neste noveno mes do ano.

O incremento global do gasto total do turismo internacional débese ao crecemento rexistrado polo turismo internacional na nosa comunidade no pasado mes. Segundo os datos de FRONTUR no mes de setembro a cifra de turistas estranxeiros que visitou Galicia creceu un 33%, circunstancia que se traduciu ademais nunha mellora das pernoitas do 27%.

A nivel estatal, tamén incrementouse o gasto total do turismo internacional neste mes, nun 2,3% neste caso. Galicia foi o destino que rexistrou a taxa de variación máis elevada do conxunto do Estado ao experimentar o incremento de maior intensidade.

Acumulado do ano
En canto aos primeiros nove meses do ano, o gasto total do turismo internacional en Galicia tamén viuse incrementado cunha suba neste caso do 11,9%, en relación ao mesmo período do pasado ano.

Os turistas internacionais que chegaron a nosa comunidade no que vai de ano realizaron un gasto total de máis de 780 millóns de euros -780.550.485€-.

Esta cifra supón tamén un máximo histórico pois nunca antes o gasto total realizado polos turistas internacionais en Galicia conseguira superar o nivel dos 700 millóns de euros neste período de nove meses.

Arriba
Axúdanos a mellorar!