30 set 2019

Cultura e Turismo convoca o XXI Premio Elías Valiña que distingue o labor de entidades revitalizadoras do Camiño de Santiago

 Valoraranse as candidaturas en función das intervencións encamiñadas á protección do patrimonio e ao fomento de coñecemento das Rutas Xacobeas

O Diario Oficial de Galicia publicou a convocatoria do XXI Premio Elías Valiña para distinguir o labor revitalizador dos valores propios dos Camiños de Santiago, dotado con 10.000 euros.

Trátase dun recoñecemento institucional e social ao esforzo protector e de fomento do coñecemento dos valores propios do Camiño de Santiago por parte das asociacións fundacións e entidades sen ánimo de lucro que inclúan estes fins no seu obxecto social. Para poder optar ao galardón, as entidades deberán ter acreditada unha traxectoria de cando menos cinco anos de funcionamento efectivo.

As bases deste premio tamén contemplan a posibilidade de que o xurado propoña unha mención especial a unha persoa física que teña contribuído coa súa traxectoria vital ao fomento dos valores do Camiño de Santiago.

O xurado, composto por membros da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e por expertos en materia xacobea entre outros, valorará as candidaturas en función das intervencións encamiñadas á protección do patrimonio, dos traballos de investigación, de documentación e de fomento do coñecemento do Camiño para difundilo entre a cidadanía e as accións enfocadas a potenciar os valores propios do Camiño na súa dimensión solidaria e social.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 28 de outubro e deberán ser presentadas a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!