24 ago 2020

Turismo de Galicia inviste 183.800 euros en dotar de novas depuradoras e outras melloras aos albergues de Paradela e O Cebreiro

 As empresas interesadas en optar á licitación das obras teñen de prazo ata o 31 de agosto para presentar ofertas

 
Enmárcase no compromiso da Consellería de Cultura e Turismo por reforzar a sustentabilidade das instalacións e recursos do Camiño
 

 A Consellería de Cultura e Turismo destina 183.860 euros a realizar obras de mellora nos albergues de Ferreiros (Paradela) e Pedrafita do Cebreiro, entre as que destacan a construción de senllas depuradoras, máis eficientes e con maior capacidade para atender á demanda actual de usuarios.

Ambos contratos están en proceso de licitación e as empresas interesadas teñen de prazo ata o 31 de agosto para presentar as súas ofertas. O prazo máximo de execución dos traballos será dun mes.

As actuacións enmárcanse no compromiso da Xunta de Galicia para poñer a disposición dos peregrinos instalacións adaptadas ás novas necesidades e apostar por un Camiño de Santiago máis sustentable. Neste sentido, as novas depuradoras mellorarán a eficiencia do saneamento, eliminando o risco de vertidos prexudiciais para o medio ambiente.

A intervención no albergue de Ferreiros incluirá tamén a revisión e reparación das lousas de pizarra e das cumbreiras en tella do teito, e a instalación de canlóns e baixantes que permitan evacuar adecuadamente as pluviais. No interior colocaranse radiadores eléctricos e repararanse os baños. O orzamento de licitación ascende a 91.333 euros.

No que respecta ao albergue do Cebreiro, xunto co novo saneamento acometeranse reposicións puntuais na cuberta de lousas e reparacións de humidades, así como melloras nas zonas de lavabos e baños. As obras licítanse en 92.530 euros.

O obxectivo da Xunta de Galicia é ofrecer aos usuarios dos albergues as máximas calidades e confortabilidade ao tempo que avanza na sostibilidade dos edificios públicos, reducindo as cargas de mantemento tanto dende o punto de vista económico como medioambiental.

Continúa así o traballo levado a cabo polo Goberno autonómico de cara ao Xacobeo 2021 con actuacións na rede pública de albergues, tanto para a adecuación dos existentes como para a incorporación de novas instalacións, entre elas o Palacio Episcopal de Diomondi (O Saviñao) -tamén en proceso de adxudicación cun orzamento de máis de 1 millón de euros-.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!