O Consello da Xunta aprobou hoxe a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Feira Franca Medieval de Betanzos
A festa cumpre os requisitos definidos no Decreto 39/2001, regulador da Declaración de Festas de Interese Turístico de Galicia. Hoxe aprobouse tamén a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Festa da Anguía e Mostra da Caña do País de Valga e mais para a Festa da Vieira de Cambados. Con estas declaracións, a comunidade conta xa con 98 festas de Interese Turístico de Galicia, 13 festas de Interese Turístico Nacional e 6 festas de Interese Turístico Internacional.
O Consello da Xunta aprobou hoxe a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Feira Franca Medieval de Betanzos. A feira Franca Medieval de Betanzos cumpre os requisitos definidos no Decreto 39/2001, regulador da Declaración de Festas de Interese Turístico de Galicia.
A Feira Franca Medieval de Betanzos pon en valor todo o patrimonio histórico e cultural que atesoura o casco histórico da vila. Ademais, para a concesión da declaración tívose en conta a singularidade dos actos que conforman a celebración dado que o mercado compleméntase con numerosas actividades paralelas.
De igual xeito, tívose en conta a súa creatividade e gran afluencia de público. Calcúlase que asisten preto de 200 voluntarios e unha media anual en cada edición dunhas 150 mil persoas. Betanzos acolleu neste 2013 a edición número XVI da feira que incluíu artesanía, cómicos, malabares, maxia, contacontos, tiro con arco ou cetraría, entre outras actividades.
De igual xeito, o Consello da Xunta tamén aprobou hoxe a declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País de Valga e mais da Festa da Vieira de Cambados.
Con estas declaracións, a comunidade conta xa con 98 festas de Interese Turístico de Galicia, 13 festas de Interese Turístico Nacional e 6 festas de Interese Turístico Internacional.