Próximo a Tui e integrado na Serra do Galiñeiro, o Monte Aloia ten uns 10 km de sendas nunha paisaxe singular. É o resultado dunha exótica repoboación realizada hai 100 anos con cipreses, abetos e cedros do Líbano. 

 Declarado Parque Natural en 1978, o primeiro de Galicia, o monte Aloia é unha auténtica atalaia a 700 m de altura con 5 miradoiros e extraordinarias vistas sobre o río Miño. No monte hai restos prehistóricos e romanos e a súa historia está rodeada de lendas. Dise que aquí as eguas salvaxes son fertilizadas polo vento. Tamén que este é o mítico Monte Medulio, escenario do suicidio colectivo das tribos celtas antes de caeren en mans dos romanos. Talvez. 

Hoxe o Monte Aloia é unha sinfonía de cor nas alturas que cambia con cada estación: o amarelo do toxo e a xesta, o branco da xara, o lila da uz...

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

O lecer da natureza

Aloia sábese atractivo nunha terra tocada pola bondade no climatolóxico e exuberante no natural. Un monte verde que ten ademais sólidas raíces no subsolo de granito. Coñeceu ao longo da súa historia usos defensivos, relixiosos, forestais e recreativos. Foi o primeiro Parque Natural de Galicia, e aquí permanece en complicidade co río que aos seus pés comeza a despedirse antes de se entregar ao mar.

A serra do Galiñeiro, que se eleva como pequeno cordal montañoso en primeira liña de costa, parte de cotas por baixo dos cen metros de altitude e ascende ata os 629 metros no alto de San Xián. O outeiro domina a paisaxe, cualificada como atalaia sobre o Miño. Todos os regatos que do Aloia nacen buscan o val do Miño nun curto traxecto de brava revelación do seu pasado muiñeiro.

A localización do parque, nunha das zonas máis densamente poboadas de Galicia e o norte de Portugal, dótao de grandes posibilidades orientadas á educación ambiental. Así a casa que o enxeñeiro de montes tudense Rafael Areses levantou no ano 1921 emprégase na actualidade como centro de visitantes. Nos días claros Aloia non defrauda coas vistas panorámicas. É un lugar moi ligado á práctica de actividades de lecer ao aire libre entre as que salienta o sendeirismo, integrado na rede de rutas por todo o Baixo Miño e que ata aquí se estira desde a cidade de Vigo.

Sen perda

No centro de visitantes Casa do Enxeñeiro Areses acharemos unha exposición permanente e ampla información sobre o parque. De aquí parten os seis roteiros para coñecer o monte. Os itinerarios enlazan cinco miradoiros, outras tantas áreas recreativas, sete muíños de auga visitables (Ruta dos Muíños do Tripes e Ruta dos Muíños de Paredes). En total, máis de dez quilómetros de percorridos. Entre eles inclúese unha senda botánica que mostra con paneis explicativos a diversidade vexetal e ensina a identificar as especies a través de xogos.

O lugar máis visitado e centro das tradicións populares é a ermida do Alto de San Xián. O santuario de orixe románica e a escalinata ata a fonte do santo reconstruídos no século XVIII responderían a unha antiga cristianización do culto ás pedras e outros elementos da natureza. Os rituais falan da laxe da cama na cal disque durmía o santo e onde non medra a herba, ou a pedra da auga e a pedra do sol para realizar peticións meteorolóxicas.

A máis vella ruta a pé é a do Castro do Alto dos Cubos, unha citania da cal se conserva o muro de 1.250 metros de lonxitude que por estar feito de grandes pedras sen argamasa recibe o curioso nome de muralla ciclópea.

Natureza senlleira

Abundante vexetación. Manchas do bosque autóctono, principalmente con especies caducifolias. Repoboacións con piñeiros, e masas de árbores exóticas que roldan xa os cen anos.

Acompáñase da fauna propia do monte. Neste sentido, Aloia representa un refuxio entre toda a presión circundante para especies comúns como o coello, aves rapaces e anfibios.

Datos de interese

Situación

  • Integramente no concello de Tui (Pontevedra).

Superficie

  • 746,29 ha.

Acceso

  • Desvío próximo a Tui, na estrada comarcal PO-340 Gondomar-Tui.

Servizos

  • Aloxamento: Non, en Tui.
  • Comer: Si.

Equipamentos

Arriba
Axúdanos a mellorar!