Camiño de Santiago
Natureza
Cultura e Patrimonio
Mar e Costa
Rutas
Gastronomía
Turismo de Saúde
Promocións para disfrutar agora
Axenda cultural
Vai pasar... Ver todos
Ferve a auga erguendo escumas brancas.
En Galicia a auga non é un ben escaso, pero si é un ben prezado. Un territorio delimitado polo oceáno Atlántico polo seu lado oeste e polo mar Cantábrico na súa vertente norte, é a porta de entrada a frecuentes frontes tormentosas que o regan con abundancia. Na súa orografía crebada, as mainas costas conviven con altas montañas que superan os dous mil metros de altitude. Os seus ríos, regatos, torrentes e mananciais atopan no seu percorrido frecuentes dificultades que furan ou salvan creando espectaculares cadoiros de auga.
A distinta dureza dos materiais xeolóxicos, as rupturas abruptas provocadas polas fallas e o efecto dunha paseniña erosión sobre os leitos fluviais conforman atractivas paisaxes dominadas pola presenza da auga. A numerosa existencia de fervenzas en Galicia ponse de manifesto nas ducias de palabras galegas que temos para denominalas: fervenzas, férvedas, fírvedas, freixas, fechas, ficheiras, chorreiras, cadoiros, saltos, cachóns, callóns, cachoeiras, abanqueiros, ruxidas, ruxidoiras, rexedoiras, cenzas, caeiras, pincheiras, seimeiras, ...
Resulta difícil determinar o número exacto de pincheiras que agocha o noso patrimonio natural. Arroios, torrentes, regatos e afluentes abrázanse e escorregan por Galicia en centenares de fervenzas.
Nesta guía recollemos unha escolma das que consideramos máis salientables, clasificadas en trece grupos segundo a característica que mellor as define: a súa altura, o seu abondoso caudal, a formación de pozas, de escorregadoiros...
As seguintes páxinas convidan a mergullarse nun poema sensorial de extraordinaria beleza, no que a brevidade dos textos cede todo o protagonismo ás fotografías.
Pero non só se trata da potencia visual destes escenarios naturais, senón tamén dos seus sons, os seus xogos de luces e sombras, a humidade permanente e a vexetación que se acubilla nestas contornas. Todo iso converte ás fervenzas en lugares máxicos onde experimentar unha especial conexión coa natureza.
A sedución está garantida.
Este portal utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para mellorar, mediante a análise da navegación, o servizo ofrecido. As cookies non se utilizan para recoller datos persoais. Coñeza como as usamos e de que maneira pode cambiar a súa configuración
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.