A metade do río Miño transita por uns espazos pouco coñecidos que ofrecen non obstante un grande interese paisaxístico, natural e etnográfico. As augas baixan hoxe detidas por diversos encoros, mais as ladeiras deste gran val acollen extensos e recónditos bosques que conviven en harmonía con viñedos —os grandes protagonistas— e pequenas aldeas.

Aves, vides, castiñeiros e albedros

Hai anos o río Miño baixaba bravo por un enorme e encaixado val de clima suave. Nesas ladeiras desenvolveuse unha cultura dedicada ao cultivo da viña, un lugar sen dúbida atractivo para o asentamento de mosteiros e aldeas que hoxe en día supoñen un gran patrimonio histórico, artístico e cultural.

Actualmente o río descende domesticado por varios encoros; con todo as abas conservan extensos bosques tanto de castiñeiros como de carballos, nos que o albedro é tamén unha especie importante, o que dá unha idea do bo clima da zona. Dependendo da orientación e a altitude imos atopar un mosaico de bosque e viñedo onde a presenza de pintorescas aldeas e abondosas penedías contribúen a diversificar máis a paisaxe.

Os roteiros

Roteiro en coche ou en bicicleta: Portomarín - Xián

MELLOR ÉPOCA

De abril a xullo

DISTANCIA

18 Km

DURACIÓN

2 horas en coche, 3 horas en bicicleta

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Portomarín, Taboada

PERCORRIDO

Portomarín - Xián

Puntos clave da ruta:

  1. Partimos de Portomarín (1), en paralelo ao Miño pola beira dereita, reparando nos millafres negros, aguias calzadas, corvos mariños grandes e mergullóns cristados que vemos no río.
  2. Interesa parar na aldea de Sabadelle (2) para observar de novo aves rapaces.
  3. Ata a aldea de Xián (3) o itinerario transita por zonas de chaira fértil nas que é posible observar tartarañas cincentas, aguias cobreiras e picanzos vermello, ademais de cotovías pequenas nas zonas de matogueira alta.
  4. En chegando a Xián podemos parar para nos achegarmos de novo ata o río a pé pois alí é doado ver o millafre negro.

Roteiro en coche ou bicicleta: Chantada - A Voutureira

MELLOR ÉPOCA

De abril a xullo

DISTANCIA

33 Km

DURACIÓN

2 horas en coche, 4 horas en bicicleta (só ida)

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Carballedo, Chantada, O Saviñao

PERCORRIDO

Chantada - Belesar - A Voutureira

Puntos clave da ruta:

  1. Partimos da periferia de Chantada (1) e antes de cruzar o río (2) podemos deternos a realizar as primeiras observacións de andoriña dos penedos, falcón peregrino e papuxa común, entre outras especies.
  2. No bosque da contorna de Diomondi (3) habemos descubrir gabeadores azuis, petos reais e gaios da fraga.
  3. Nas proximidades de Belesar (4) podemos deternos antes de cruzar a ponte e observaremos ata catro especies de andoriña (común, dáurica, de cu branco e dos penedos) canda cirrios comúns.
  4. Continuamos ata A Eirexe (5) para nos determos nas zonas de viñedo próximas aos bosques. Son bos lugares para papuxas comúns, picafollas e das amoras. Tamén é fácil observar millafres negros e aguias calzadas.
  5. Antes de chegar ao final do percorrido, a estrada discorre pola contorna de impoñentes cantís rochosos (6) nos que podemos intentar ver aves rupícolas coma a andoriña dos penedos.

 

Roteiro a pé: Portomarín - O Barco

MELLOR ÉPOCA

De abril a xullo

DISTANCIA

4 Km

DURACIÓN

1,5 horas

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Portomarín

PERCORRIDO

Portomarín - Santa Mariña - O Barco

Puntos clave da ruta:

  1. Partimos de Portomarín (1) en dirección a Santa Mariña. Nos arredores do lugar cómpre que esteamos atentos ao pardal das rochas.
  2. Baixando cara ao Miño (2) podemos observar o millafre negro, a garza real, o corvo mariño grande ou o mergullón cristado.
  3. A continuación camiñamos pola beira do encoro, permanecendo atentos tamén ao bosque e ao mato contiguo, onde é posible albiscar picanzo vermello e, con sorte, picanzo cabecirrubio.
  4. Para completar o percorrido subimos pola contorna do lugar do Barco (3) e volvemos a Portomarín, atentos ás papuxas comúns e do mato. Unha vez en Portomarín (4), hanos despedir unha parella de cegoñas brancas.
As aves

Os bosques pouco accesibles das ladeiras do gran val son lugares ideais para a nidificación de aves rapaces como as aguias calzada e cobreira e o azor, aínda que o millafre negro é a máis abundante en primavera. As penedías acollen boas poboacións de aves rupícolas como o falcón peregrino ou a andoriña dos penedos. O clima cálido da zona propicia a presenza de especies como o rousinol ou a andoriña dáurica. Os encoros acollen algunhas aves acuáticas como a garza real, o corvo mariño grande ou o mergullón cristado.

Consellos e recursos
  • Os itinerarios discorren por zonas agrícolas, polo que debemos ser precavidos e non saír nunca dos carreiros e camiños claramente marcados.

  • No verán pode facer moita calor: auga e protección para o sol son bos compañeiros de viaxe.

Arriba