Coñecida por ser Patrimonio da Humanidade, posúe ademais unha enorme superficie de zonas verdes. Flanqueada por dous pequenos ríos e con parques e xardíns esparexidos por toda a cidade, Santiago de Compostela conta con numerosas posibilidades para observar aves nunha contorna urbana e cómoda. 

O patrimonio alado da cidade

A cidade ocupa unha gran lomba que vai de nordeste a suroeste e está limitada a ambos os lados por dous pequenos ríos, o Sar e o Sarela, que conservan un bo bosque de ribeira en moitos tramos. Ademais, no seu interior acolle numerosos parques e xardíns de grande interese, pois moitos deles datan de moitas décadas atrás, con árbores de gran porte que, polo tanto poden acoller moitas especies de aves diferentes.

Ao contrario doutras cidades situadas, por exemplo, onda unha ría, Santiago de Compostela non ten ningunha gran zona húmida próxima aínda que, malia iso, si podemos observar algunha ave acuática no pequeno lago dun dos seus parques, o da Música en Compostela, cabo do Auditorio de Galicia. As aves constitúen para a cidade un patrimonio oculto.

Os roteiros

Roteiro a pé: Parque de Galeras - Parque da Música en Compostela

MELLOR ÉPOCA

Todo o ano, especialmente na primavera

DISTANCIA

1,5 km

DURACIÓN

1 hora

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Santiago de Compostela

PERCORRIDO

Parque de Galeras - Parque da Música en Compostela

Puntos clave da ruta:

  1. Ao inicio, no parque de Galeras, imos atentos ás beiras do río (1) para ver lavandeiras brancas ou mesmo algunha garza real.
  2. No parque da Música en Compostela, pé do Auditorio de Galicia (2), o máis interesante é o pequeno lago artificial. É fundamental esquecer as aves domésticas e atender ás silvestres: garza real, corvo mariño grande, picapeixe, gaivota patiamarela e, ocasionalmente, escura. Na contorna tamén hai grallas pequenas.
  3. Durante o inverno os durmidoiros de aves (3) son impresionantes: estorniños pintos, grallas pequenas e pegas rabilongas amoréanse entre as árbores.
  4. Remata o itinerario no pequeno parque de José "Zeca" Afonso (4), moi próximo, onde é doado observar pequenas aves forestais nas súas árbores vedrañas.

Roteiro a pé ou en bici: Parque Eugenio Granell (O Paxonal) - Brañas do Sar

MELLOR ÉPOCA

Todo o ano, especialmente na primavera

DISTANCIA

3,2 km, só ida

DURACIÓN

1 hora a pé, media hora en bicicleta (só ida)

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Santiago de Compostela

PERCORRIDO

Parque Eugenio Granell (O Paxonal) - Brañas do Sar

Puntos clave da ruta:

  1. Comeza o percorrido no parque Eugenio Granell (1), onde podemos ver especies como o estreliña riscada ou o gabeador común na carballeira.
  2. No río Sar (2) repararemos nos lavancos.
  3. Xa nas brañas do Sar podemos ver multitude de pequenas aves, como liñaceiros comúns, xílgaros europeos, lavandeiras brancas e, ás veces, lavandeiras amarelas. Nos prados húmidos (3), durante o inverno, estaremos atentos para observar carrizas dos xuncos e becacinas comúns.

Roteiro a pé: Río Sarela

MELLOR ÉPOCA

Todo o ano, especialmente no inverno

DISTANCIA

2,7 km, só ida

DURACIÓN

1 hora a pé (só ida)

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Santiago de Compostela

PERCORRIDO

Río Sarela

Puntos clave da ruta:

  1. No río Sarela habémonos fixar nos rápidos (1), porque neles podemos ver a lavandeira real e, se hai bastante caudal, o merlo rieiro.
  2. Nas zonas de bosque de ribeira (2) máis denso son comúns os ferreiriños reais e o gabeador común.
  3. Na contorna dos pequenos lugares que imos atopar no camiño habemos ver estorniños negros.
  4. No remate do percorrido, no barrio do Carme (3), durante a primavera habemos ver cirrios comúns.
As aves

Nos parques e nas contornas fluviais podemos observar un bo número de aves de carácter tipicamente forestal, como o ferreiriño real, o negro e o azul ou o gabeador europeo. Nos seus ríos podemos ver desde garza real e corvo mariño grande a picapeixe. Prados e matogueiras acollen, por exemplo, a carriza dos xuncos ou a papuxa do mato, respectivamente. Os seus durmidoiros invernais son espectaculares: estorniños pintos e negros agrúpanse para pasar a noite canda grallas pequenas. No ceo, mentres, asexa o falcón peregrino.

Consellos e recursos
  • Estamos nunha zona urbana, polo que debemos ter coidado coa circulación de vehículos.

  • As aves urbanas son un excelente recurso educativo: obsérvanse con facilidade e están ao alcance de calquera.

  • Aos ollos dos paxaros a catedral é un gran penedo, así que nela imos poder ver grallas pequenas e andoriñas dos penedos.

Arriba