Ademais da observación de aves, Galicia ofrécelle ao visitante unha grande diversidade de espazos naturais, tanto de interior como de costa.

Deixa que te atrape a maxia dun día de néboa mentres paseas por un souto. Sente o vento do atlántico nunha praia solitaria. Deixa que te acariñe a luz do serán ao pé dun dos nosos faros.

Galicia é un mosaico de cores, habitada non só por aves; ven descubrila.

Espazos naturais

Unha boa parte do territorio galego conta con algunha figura de protección. Destaca o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, mais hai que engadir 6 reservas da biosfera, 6 parques naturais e 82 espazos pertencentes á Rede Natura 2000. Amais de aves, neles has encontrar unha gran variedade de lugares que conservan unha rica flora e fauna.

Bosques

Galicia conta con importantes masas forestais que son un reflexo da diversidade de climas e hábitats no seu territorio. Carballos e castiñeiros centenarios, bosques de ribeira na terra dos mil ríos, bidueiros ou teixos agochados entre as montañas, rexas aciñeiras nas áreas máis cálidas.

Pon as túas botas e percórreas con calma. Has sentir a Galicia máis natural. 

Faros e praias salvaxes

A costa é un dos principais atractivos de Galicia.

Ao longo dos seus case 1.500 km has poder encontrar areais e recunchos nos que deixarte levar pola beleza indómita do mar, admirando unha paisaxe marcada polos faros da fin do mundo e praias salvaxes nas que non só as aves buscan a tranquilidade e o acougo.

Arriba