A Costa da Morte ofrécenos unha incomparable riqueza paisaxística e cultural, onde a natureza, o patrimonio artístico e as lendas danse a man co astro rei a cada paso do camiño. Alén do solpor é un proxecto de promoción turística que propón unha nova interpretación do destino Costa da Morte, artellando nela todos os recursos que vencellan ese territorio co legado histórico-cultural do sol.
Se o lector visita estas páxinas poderá comprobar a riqueza e o atractivo que ofrecen os dezasete concellos desta costa singular. Praias, cantís, montes, mesmo o clima, a flora e a fauna características conforman unha xeografía virxe e primixenia.
As actividades sociais, antropoloxía, costumes, folclore, gastronomía, festas, romarías, e o idioma que por aquí se fai doce e seseante... constitúen expresións moldeadas polo tempo e derivadas en última instancia da adaptación humana á propia natureza. Un patrimonio histórico e artístico nacido na prehistoria co megalitismo, os petróglifos e os castros, que se fai impoñente na arquitectura medieval coas edificacións relixiosas e civís como os castelos e pazos. Non debemos tampouco esquecer as obras erixidas pola devoción popular como os cruceiros e os petos de ánimas ou mesmo a arte de vangarda, os museos e centros de interpretación ou os faros. A modernización do sector turístico permite ofrecer, na actualidade, unha ampla rede de aloxamentos e restaurantes que permitirán vivir unha experiencia diferente e de calidade.
Contemplar o sol afundirse no mar é sempre un instante máxico que invita á transcendencia. As tonalidades louras e vermellas do roibén, coma ollar o lume do fogar, aportan intimismo e sosego namentres o día esmorece. Eses cromatismos e ceos multicolor conducen a unha experiencia intensa para os sentidos, onde todo parece adquirir un significado especial.
Imos erguer a vista ao ceo e conectar con ese astro que nos atrapa e se desvela coma o protagonista da paisaxe e da natureza, a orixe da cultura e a historia dun pobo universal, Galicia, cun rico patrimonio aínda por descubrir.
O punto máis occidental da España peninsular atópase na Costa da Morte, concretamente no cabo Touriñán. A modo de curiosidade, se trazamos unha liña recta dende o cabo en dirección ao horizonte, cunha lonxitude de 5200 km, chegariamos a Nova York.
Os solsticios prodúcense dúas veces ao ano, xusto coincidindo co momento en que o sol se atopa no punto mais afastado do ecuador. Durante o solsticio dáse a máxima diferenza de duración entre o día e a noite. O solsticio de verán sucede arredor do 21 de xuño. Pola súa banda, o solsticio de inverno ten lugar sobre o 22 de decembro.
Durante os equinoccios o día e a noite teñen a mesma duración, xa que o sol se atopa nese momento no ecuador do planeta. O equinoccio de primavera marca o inicio desta estación e sucede arredor do 21 de marzo, mentres que o equinoccio de outono ten lugar sobre o 22 de setembro.
Falamos da aliñación de determinadas construcións, xacementos arqueolóxicos e puntos xeográficos co sol ou con outros astros nun momento específico do día e do ano. Na Costa da Morte temos o exemplo no Dolmen de Dombate; cada solsticio de inverno os primeiros raios de sol da mañá alagan de luz o seu corredor central.
Algúns historiadores consideran a posibilidade da chegada de milleiros de persoas á Costa da Morte dende a antigüidade para veren como o sol desaparecía de vez no océano Atlántico. Estímase posible que estas peregrinacións, máis ou menos ordenadas, fosen transformadas polo cristianismo, podendo ser a orixe da peregrinación xacobea a Fisterra e Muxía.
É un fenómeno óptico atmosférico que se pode percibir durante un instante ínfimo, no momento final da atardecida, no cal unha luz verde intensa aparece durante 1 ou 2 segundos sobre o sol. Aínda que observar un raio verde é difícil, debido ás específicas condicións atmosféricas que se teñen que dar, son moitas as persoas que se lanzan á súa captura. Únete a elas! Busca un día tranquilo, sen apenas turbulencia atmosférica, sitúate nun sitio alto, preferiblemente fronte ao horizonte oceánico, e non perdas de vista os últimos raios de sol.
"O meu nome é Elia, a miña avoa chamoume así porque dicía que nacín co brillo do último raio do Sol, esta aventura tamén nace nese instante de luz, nese intre fuxidío imposible de reter.”
En tempos do imperio romano, cabo Fisterra era o punto final do mundo coñecido (Finis Terrae). Estritamente falando, por moi pouco esa zona non é a que está máis ao oeste da Europa continental, pero, malia iso, goza do privilexio de contemplar o derradeiro solpor do continente durante dous meses do ano.
A Costa da Morte representa a esencia de Galicia. A Galicia natural, das praias salvaxes e cantís de Fisterra, Camariñas ou Malpica; mais tamén dos penedos esculpidos polo vento en Traba (Laxe).
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.