Moitas persoas poden sorprenderse porque a cidade da Coruña, ademais dun enorme patrimonio histórico e paisaxístico, atesoure unha vizosa diversidade de aves. Pero é que no concello coruñés, de apenas 38 km2, lévanse rexistradas xa máis de 120 especies, e este número non fai máis que aumentar. Nunha soa xornada no outono podemos ver facilmente máis de 50 sen saírmos do concello. E, se combinamos ese paseo coa veciña Ría do Burgo e co encoro de Sabón, habémonos aproximar incluso ás 80 especies! 

Aves na cidade de Hércules

Cómpre que reparemos ben nos espazos naturais e nos grandes parques coruñeses: a contorna da Torre de Hércules, a parte externa da Ría do Burgo cabo da ponte da Pasaxe e os parques do monte de San Pedro, Bens, Eirís e Santa Margarita.

Máis información

Ligazóns de interese

Rutas Ornitolóxicas das Mariñas Coruñesas

Descargas PDF

Os roteiros

Roteiro en coche: Porto da Coruña (castelo de San Antón) - Aldea de Bens

MELLOR ÉPOCA

Entre setembro e decembro

DISTANCIA

17 Km

DURACIÓN

3 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

A Coruña

PERCORRIDO

Porto da Coruña (castelo de San Antón) - Torre de Hércules - San Roque - Illas de San Pedro - Parque de Bens - Aldea de Bens e regreso

Puntos clave da ruta:

  1. Trátase dun itinerario por unha contorna urbana con alta diversidade de aves que se inicia no porto da Coruña á altura do castelo de San Antón (1), onde é posible atopar mergullóns de pescozo negro e corvos mariños cristados, así como virapedras , carolos e araos.
  2. Seguimos o paseo marítimo ata a Torre de Hércules, para anotarmos alí as aves presentes nos prados e arbustos circundantes (2), como a lavandeira amarela, a carriza dos xuncos, a papuxa cabecinegra ou o estorniño negro.
  3. Continuando o camiño ata as praias do Orzán e Riazor, chegamos ao recheo das Escravas (3) (onde se localiza o corvo mariño cristado, o virapedras e o pilro escuro), e á costa entre San Roque de Fóra e o denominado Obelisco Millenium (na cal podemos ver a pica costeira e o pedreiro cincento) (4)
  4. Seguindo a estrada, tras pasar o elevador de San Pedro, chegamos a un miradoiro sobre as illas de San Pedro (5) desde o que é posible observar corvos mariños cristados e gaivotóns reais.
  5. A estrada segue cara a San Pedro de Visma. A 0,5 km ao leste collemos un desvío á dereita, en subida, cara ao parque de Bens (6). Alí imos poder ver o chasco norteño e mais a choia de bico vermello. A baixada lévanos cara á aldea de Bens (7), onde tamén se pode rexistrar o ferreiriño cristado.

 

Roteiro a pé ou en bici: Prados da Torre (A Coruña) - Torre de Hércules

MELLOR ÉPOCA

Outono e inverno

DURACIÓN

1-2 horas en bicicleta e 2-3 horas a pé

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

A Coruña

PERCORRIDO

Prados da Torre (A Coruña) - Punta Herminia - Adormideiras - Torre de Hércules

Puntos clave da ruta:

  1. Esta popular ruta litoral comeza na Torre (1) e continúa por carreiros a través dos prados. Neles imos poder ver a lavandeira amarela, a carriza dos xuncos ou o estorniño negro.
  2. Os camiños conducen á Punta Herminia (2) e ao seu conxunto escultórico, con interesantes rochedos litorais nos que se localizan pilros escuros e corvos grandes.
  3. En Punta Pragueira (3) e no Grelle (4) (tamén chamado cala de Adormideiras) é fácil a observación do corvo mariño cristado e mais do virapedras.
  4. De volta na Torre de Hércules cómprenos estar atentos aos arbustos (5), xa que se poden agochar aves migratorias como o peto formigueiro ou o papamoscas negro, e outras residentes como a papuxa cabecinegra.

Roteiro a pé ou en bici: Campus Universitario e Castro de Elviña

MELLOR ÉPOCA

Inverno e primavera

DURACIÓN

1-2 horas en bicicleta e 2-3 horas a pé

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

A Coruña

PERCORRIDO

Campus Universitario e Castro de Elviña

Puntos clave da ruta:

  1. A ruta comeza no estadio do campus de Elviña (1), un lugar onde habemos atopar a pica dos prados e mais a escribenta común.
  2. A seguir, dirixímonos cara ao ameneiral cabo do regato do Souto, fronte á facultade de Económicas (2). Alí é posible observar o peto verde ibérico, a lavandeira real e mais o úbalo europeo.
  3. Despois disto buscamos o cruzamento co castro de Elviña (3). Parando xusto alí podemos observar o rousinol bravo e mais a estreliña riscada.
  4. Nos arredores do castro (4) habemos atopar a papuxa cabecinegra e mais o corvo grande.
  5. De volta no cruzamento, emprendemos a subida cara ao arboredo caducifolio entre as facultades de Ciencias e Arquitectura (5). Alí é posible ver o rabirrubio común e o ferreiriño negro.
  6. Subindo cara á facultade de Filoloxía (6) rexístranse o picafollas ibérico e o xílgaro europeo.
  7. Podemos baixar polo mesmo camiño.
As aves

Aves tan interesantes como as mobellas grandes, os mergullóns de pescozo negro, as gaivotas arxénteas europeas, as papuxas cabecinegras ou as choias han aparecer, cunha miguiña de sorte, ante os nosos prismáticos. Tamén paga a pena dar un paseo polo porto, polos xardíns de Méndez Núñez e polas zonas agrícolas que aínda existen arredor das poboacións de Bens, Feáns e O Castro de Elviña. Alí imos poder atopar o peto verde ibérico, o picafollas ibérico, o gabeador común e a escribenta común. Na costa de San Roque invernan regularmente o pilro escuro, o virapedras e a pica costeira.

Consellos e recursos
  • Atención ao tráfico rodado, estamos nunha cidade!

  • Aproveitar as primeiras horas da mañá para ver aves, aínda que hai que estar atentos aos horarios de apertura dos parques.

  • É boa idea evitar determinadas áreas de concentración de paseantes de cans, como Bens e as praias de Oza, Riazor e O Orzán en mañás asolladas, sobre todo de fins de semana e festivos entre setembro e maio.

  • No web www.turismocoruna.com podemos informarnos sobre os parques coruñeses e as condicións de visita do castro de Elviña.
     

Arriba