Que necesito? É a pregunta que fai todo aquel que se quere iniciar na observación de aves. Para moitos amantes da natureza, o único imprescindible levámolo sempre connosco: ollos, oídos e pernas. E é que aguzar os sentidos é a mellor ferramenta. Agora ben, ofrecémosche unha listaxe para ir equipado completamente e ben informado.

Prismáticos

Unha cousa está clara: as aves raramente están preto. Así que o primeiro que necesitamos é algo que nos axude a aproximarnos visualmente: os prismáticos ou binoculares.

Ante a gran variedade de marcas, modelos e prezos que o mercado nos ofrece é normal sentirse un tanto desorientado. O primeiro no que hai que reparar é nos números que todo binocular leva gravados, por exemplo 8x30, 8x40 10x42, etc. O primeiro díxito correspóndese cos aumentos do binocular; o segundo é o diámetro en milímetros da pupila de saída do prismático, canto maior sexa esta cifra máis luminosos han ser, pero tamén máis grandes e pesados. Para observar aves, o número ideal de aumentos está entre 8 e 10, mentres que o tamaño acaído da pupila de saída estaría entre 30 e 42 milímetros. Polo tanto os prismáticos óptimos serían os comprendidos entre 8x30 e 10x42. Os primeiros son máis útiles para observar aves en hábitats con vexetación e a curta distancia; os segundos ofrecen vantaxe en áreas abertas ou no mar.

Por outra banda existen algúns prismáticos con formas características: os de porro e os de teito. Os de porro teñen un prisma interior que aumenta a distancia entre as pupilas de saída dos prismáticos. Os de teito, en cambio, teñen a aparencia de dous tubos unidos por unha ponte. A maior parte dos fabricantes a nivel mundial optan actualmente por prismáticos de teito, polo xeral máis compactos e lixeiros.

A variedade de prezos é moi grande. Se estamos iniciándonos non fai falta un modelo especialmente caro. A principal vantaxe dos máis custosos consiste en que adoitan levar dentro un recheo de nitróxeno líquido que os fai estancos, polo que a súa durabilidade é maior, ao tempo que ofrecen outras vantaxes como evitar a condensación no interior.
 

Guías de campo

Afortunadamente, hoxe en día atopamos no mercado moitas referencias bibliográficas de guías de identificación de aves. Podemos escoller segundo as nosas preferencias, aínda que hai un amplo consenso en que as guías con debuxos son moito mellores que as guías de fotografías. Isto é así porque as de debuxos ofrecen plumaxes e posturas estandarizadas das aves e permiten ter máis imaxes segundo se trate de machos ou de femias, de novos ou de adultos, etc.

Para Europa no seu conxunto a referencia é desde hai anos a coñecida Guía de aves de España, Europa y región mediterránea (Svensson, L., Mullarney, K. e Zetterstrom D. 2010. Editorial Omega) ou, se se prefire na súa versión orixinal inglesa, Collins Bird Guide (Svensson, L., Mullarney, K. Y Zetterstrom D. 2009. 2nd Edition. Harper Collins).

Para Galicia especificamente é moi recomendable a Guía das aves de Galicia de X. M. Penas Patiño e C. Pedreira López, con ilustracións de C. Silvar (2004, editorial Baía), que ademais conta cun CD-ROM de cantos moi útil.
 

Caderno de campo

Apuntar as aves que vemos, así como o momento e o lugar da observación, tomar notas sobre as súas características, o número e o comportamento é fundamental se queremos levar o noso interese un paso máis alá. Un caderno pequeno, flexible e resistente vai ser unha ferramenta moi útil. Os de tapas semirríxidas e cosidos son os mellores.

Telescopio

Ben, xa levas unha boa temporada observando aves e en ocasións sénteste frustrado porque cando chegas a unha lagoa ou a un esteiro, por exemplo, as aves están lonxe e os teus flamantes prismáticos quedan curtos: é o momento de pensar en comprar un telescopio.

Debido ao seu elevado prezo e, en principio, longa duración, é conveniente pensalo ben . Esquece os telescopios astronómicos, pois non serven para observar aves. Vas precisar un telescopio terrestre. De novo a variedade de prezos é moita e ao igual que cos prismáticos cómpre reparar nos números. Polo xeral os aumentos teñen dúas cifras, non unha como os prismáticos, e adoitan ser 20-60x; é dicir, por vez de ser de aumentos fixos, trátase dun zoom que é moi útil para localizar as aves e posteriormente afinar nos seus detalles a gran distancia. O diámetro da pupila de saída varía moito, entre 60 mm e 80 mm, aínda que existen no mercado telescopios con maior pupila de saída. Canto maior sexa esta máis alta vai ser a luminosidade e polo tanto maior a calidade de visión, especialmente en condicións de pouca luz, aínda que o peso tamén é maior. Un telescopio ideal sería un 20-60x60 mm ou 20-60x80 mm.

Para usar telescopio é imprescindible un bo trípode, á vez robusto e lixeiro. Tamén nisto imos atopar materiais e prezos ben diferentes.
 

Dispositivos

A día de hoxe, a tecnoloxía facilita moito a observación de aves. Unha vez que sabemos onde queremos ir, é conveniente planificar as saídas ao campo e as rutas. Para iso o mellor é dispoñer dun teléfono intelixente con algunha aplicación, das moitas dispoñibles no mercado, que nos permita ao mesmo tempo visualizar cartografía e situarnos.

Un teléfono intelixente tamén nos permite levar connosco cantos e reclamos de aves, por se no campo nos xorde algunha dúbida ao respecto. É moi útil e permítenos progresar rápido nas nosas habilidades para detectar aves.

Atopamos lugares e aves que nos chamaron a atención? Queremos, ademais, comunicar onde vimos tal ou cal especie? Para todo isto o mellor é dispoñer dun dispositivo GPS que nos permita gardar con precisión as localizacións. Tamén nos vai permitir crear itinerarios que por algunha razón nos gustaron ou nos interesan e despois repetilos. Hai aplicacións para teléfonos intelixentes que poden utilizarse como GPS.
 

Vestimenta, calzado, mochilas

Non cómpre a este respecto un equipo particularmente sofisticado, pero convén recordar que imos pasar horas no campo, polo que debemos protexernos do frío, do sol ou da chuvia: forros polares, impermeables, gorros, luvas ou sombreiros son pezas que resultan de axuda.

Vestir cores discretas é unha boa idea se queremos pasar inadvertidos durante as nosas saídas.

O calzado é importante para estar cómodos: non é agradable observar aves cos pés fríos e mollados, como tampouco o é camiñar por un terreo pedregoso con sandalias. Pensa a onde vas e escolle o axeitado.

O equipo non estaría completo sen unha pequena e cómoda mochila para transportar auga, algo de comida e a guía de campo.
 

Fotografía

É posible que queiras documentar as túas observacións con fotos. É algo moi común, e actualmente a tecnoloxía pono ao noso alcance de maneira sinxela, se o comparamos con hai só unha década. Para facelo, nada mellor que dispoñer dunha boa cámara réflex e un gran teleobxectivo, pero esta é unha opción cara e o seu peso é elevado. Existen cámaras con outros formatos que incorporan un gran zoom, de calidade aceptable, a prezos accesibles e, ademais, cun peso máis axeitado.

Se xa tes un telescopio, daquela interésache saber o que é o digiscoping: trátase dunha técnica pola que se poden acoplar cámaras dixitais (mesmo compactas) ao telescopio e obter imaxes. Hai multitude de opcións comerciais, e incluso artesanais. A calidade do resultado final vai depender do conxunto do equipo.

Recursos en rede

Actualmente contamos con multitude de recursos en Internet para planificar as nosas saídas e para identificar visual ou auditivamente as aves, así como para saber máis delas.

Sobre aves atopamos algunhas webs de grande utilidade:
 


Especificamente para o canto das aves:

 

En grupo, mellor que só

Se nos iniciamos sos na observación de aves, obviamente a nosa progresión vai ser máis lenta. Se saímos ao campo con observadores experimentados imos aprender rapidamente. É máis, sempre é importante comentar as nosas observacións e escoitar outros observadores: habemos mellorar as nosas habilidades e incrementaremos os nosos coñecementos sobre as aves.

Son decenas as sociedades ornitolóxicas existentes, desde as máis locais ata as globais. En Galicia temos a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO, www.sgosgo.org) e a nivel español a Sociedad Española de Ornitología (SEO/BirdLife, www.seo.org) é a referencia. A páxina web desta organización a nivel internacional é www.birdlife.com.

Estas organizacións, e moitas outras, dispoñen tamén de foros de debate especializados nos que imos atopar resposta a moitas dúbidas, e nos que poderemos informarnos e compartir coñecementos con outras persoas interesadas na observación de aves.
 

Arriba