Comezar a identificar aves non é difícil. Trátase de adquirir unha serie de habilidades que nos permiten discriminar entre unha serie de especies máis ou menos similares e, sobre todo, de saber buscar as características de campo que nos permiten descartar especies.

Tamaño

Que tamaño ten a especie que estamos a observar?

Para iso é útil comparar con aves de tamaño coñecido, como por exemplo os pardais, as pombas, as gaivotas ou os patos. Hai que ter en conta a distancia de observación: unha ave grande coa distancia pode parecer máis pequena.

Forma

Tanto se está pousada coma se está en voo, é interesante afacerse ás formas máis comúns.

É redondeada ou alongada? A súa cola é longa ou curta?  Como ten o pescozo?  Como son as súas ás cando está en voo, redondeadas ou apuntadas? Tamén deberemos fixarnos na forma do peteiro (longo, curto, en curva, cónico, fino…) e das patas (longas, curtas).

Voo

É normal que moitas observacións de aves só se realicen en voo.

Como é este? Move as ás constantemente ou só por veces? Móveas sen se desprazar do sitio ou elévase en círculos planando?

Cor

Certas características como a cor hannos ser moi útiles.

Con todo, hai que ter en conta que esta pode variar coa luz ambiental, a posición respecto do sol, o desgaste da plumaxe e outros factores como o estado fisiolóxico do exemplar. É importante fixarse moi ben en se ten franxas nas ás ou listas arredor dos ollos, etc.

Comportamento

O comportamento é, en ocasións, definitivo.

Onde se está alimentando? No chan, na auga, nunha póla... De que xeito nada? Mergúllase? Está só ou acompañado? Ao andar, camiña ou desprázase a saltos?

Hábitat

Onde está? Moitas especies parecidas e de complicada diferenciación usan medios diferentes, mesmo compartindo hábitat.

Por exemplo, para algunhas especies é importante saber se se sitúa nas pólas altas ou nas pólas baixas das árbores.

Cando

Os mapas de distribución das guías de campo son de grande utilidade.

Especies moi parecidas poden non coincidir no tempo nunha mesma localidade.

Sons

En ocasións, diferenciar dúas especies moi similares é fácil debido a que o seu canto ou reclamos son diferentes.

Un observador de aves entusiasta non só observa; tamén escoita. Grazas aos reclamos e cantos podemos distinguir moitísimas especies ou mesmo simplemente detectalas: hai especies que apenas se poden observar, pero son facilmente localizables polo seu canto.

Arriba