A observación de aves é unha actividade que se realiza na natureza, polo que temos que ser absolutamente coidadosos con esta. A observación debe levarse a cabo co máximo respecto cara ás propias aves, aos seus hábitats e á contorna na que nos movemos, e xa que logo habemos seguir unhas normas básicas.

O benestar das aves está por riba dunha boa observación

Procura non molestalas en ningún momento. Evita crearlles tensión ou expoñelas a perigos.


Debes estar sempre atento ao comportamento das aves: se amosan sinais de alarma, é mellor retirarse

Se as espantas é que estás facendo algo mal. Hai que manter sempre unha distancia de seguridade: algunhas especies toleran a proximidade das persoas, pero outras son especialmente sensibles. Deben poder descansar e alimentarse tranquilamente.


A nidificación é un momento crítico para as aves

Ficar en territorios de nidificación ou observar niños de preto leva consigo un risco para o éxito da cría.


Observar aves pouco comúns ou ameazadas é emocionante, pero é importante ser precavidos cando compartamos información sensible

Se dubidas, consulta coas sociedades ornitolóxicas ou coas autoridades ambientais.


Coida a contorna

Respecta a vexetación e o sosego dos distintos espazos. Non deixes lixo ou outros restos, lévaos contigo ata que atopes contedores adecuados nos que deixalos. Dos lugares aos que acudas para os avistamentos podes levar boas observacións, momentos incribles, grandes recordos e estupendas fotografías.


Respecta a propiedade

Lembra que a maior parte dos espazos nos que observas aves son de propiedade privada, así que nunca entres en ningunha sen pedir permiso; usa os camiños e carreiros públicos, é suficiente para gozar das aves.


Respecta tamén o gando

No rural non hai só aves: moitas persoas viven de actividades pecuarias que son fundamentais para o conxunto da sociedade. Se atopas gando, non o molestes. É frecuente cruzarse con gandeiros con rabaños, xeralmente de vacas: dálles prioridade, non as espantes e sigue as indicacións do propietario.


Respecta as leis

Existen leis e normativas que protexen as aves e os seus hábitats, así como outros integrantes da biodiversidade e das paisaxes. Sígueas e respéctaas en todo momento.


En moitas ocasións vas utilizar un vehículo privado para desprazarte.

Lembra cumprir estritamente o código de circulación e non poñas outras persoas nin te poñas a ti mesmo en risco por intentar realizar unha simple observación; ha de haber outras oportunidades.


A observación de aves proporciona moitas satisfaccións e experiencias inesquecibles

Involucrarse na súa conservación é unha boa maneira de devolver o favor.

Arriba