Coñecer algúns termos de uso frecuente é moi útil, has aprender e gozar máis.

Anátidas

Familia de aves que pertence á orde das anseriformes, é dicir: patos, cisnes, gansos, etc.

Ave vs. paxaro

Coloquialmente emprégase paxaro para denominar calquera ave. Sendo estritos, debemos dicir ave e reservar o termo paxaro para a familia dos paseriformes, que abrangue desde os pardais ata os córvidos como a pega.  Algúns exemplos de aves ás que non deberiamos chamar "paxaros" poden ser: os falcóns, as gaivotas, as cegoñas, os patos, etc.

Aves acuáticas

Denominación xenérica que inclúe moitas familias de aves. En xeral, son todas aquelas que viven en hábitats acuáticos, ben na costa ou ben no interior. Aves acuáticas poden ser desde garzas e patos ata corvos mariños e limícolas.

Aves mariñas

Grupo heteroxéneo de aves de diferentes familias que pasan toda a súa vida (ou unha parte importante dela) no mar, do que dependen. Forman parte deste grupo as gaivotas, así como moitas especies de corvos mariños, pardelas, andoriñas de mar, etc.

Hai aves consideradas mariñas que poden vivir en ambientes afastados do mar, grazas ao seu eclecticismo, como por exemplo algunhas especies de gaivotas. Outras só van á terra para criar, como os araos dos cons ou outras especies de gaivotas.

Aves rapaces

Nun sentido amplo, son aves que cazan ou que se alimentan de prea. Sendo máis estritos, inclúense dúas ordes diferentes, os falconiformes e os estrixiformes. Os primeiros son as rapaces diúrnas: falcóns, aguias, millafres, tartarañas e gatafornelas, voitres, azores, etc. O segundo grupo intégrano as rapaces nocturnas como os bufos.

Aves rupícolas

Son aquelas que teñen por hábitat os cantís, cavorcos rochosos ou, simplemente, zonas pedregosas. Xeralmente úsanos para nidificar. O falcón peregrino, o voitre leonado ou a andoriña dos penedos son algúns exemplos deste tipo de aves.

Limícolas

Se facemos caso da orixe latina da palabra, serían as aves que viven no limo ou no lodo. E, máis ou menos, é así, pois son aquelas que viven nunha grande variedade de zonas húmidas, desde a costa ata o interior, e que se alimentan de pequenos organismos que localizan neste tipo de medios.

Nun sentido estrito, son as aves da orde charadriiformes. Todas teñen en común peteiros máis ou menos longos con grande sensibilidade para poder captar e capturar pequenos organismos no limo, na area, nos prados húmidos, etc. Son limícolas, por exemplo, os mazaricos, os pilros, as gabitas, etc. Practicamente todas son migratorias e realizan grandes desprazamentos entre lugares afastados. A marca do voo máis longo, sen realizar paradas, tena o mazarico rubio, capaz de voar 11.000 km desde Alaska a Nova Zelandia.

Migración

Son viaxes estacionais de carácter regular que practican moitas especies de aves, xeralmente desde os lugares de nidificación e cría ata os lugares nos que pasan o inverno.

En Galicia recibimos aves migratorias que veñen criar entre nós durante a primavera e o verán (aves estivais), como as andoriñas comúns, e tamén recibimos aves que só nos visitan no inverno (aves invernantes) procedentes de latitudes máis ao norte, como o pato rabilongo. Igualmente podemos observar algunhas aves só durante as súas viaxes migratorias, como o papamoscas negro. As aves que permanecen no mesmo territorio todo o ano chamámolas xeralmente residentes.

Arriba