Rocha e paisaxes mediterráneas
O río Sil entra en Galicia abríndose paso a través dunha serra de orixe calcaria, o que dá lugar a espectaculares formacións con grandes cortados rochosos. O clima, de marcado carácter mediterráneo, fai que a vexetación desta contorna recorde a de paisaxes do sur, con aciñeiras, oliveiras e albedros como protagonistas, sen esquecer matogueiras como a esteva ou plantas como a lavanda ou o tomiño, que perfuman o aire de xeito inconfundible. Pequenas aldeas rodeadas de cultivos e soutos completan o cadro.
A vexetación é particularmente singular, pois nestas pouco frecuentes contornas crecen varios endemismos. A fauna non queda atrás, xa que atopamos especies pouco comúns no noroeste ibérico, típicas de climas mediterráneos ou de medios rupícolas. Por todas estas razóns, a Serra da Enciña da Lastra ten a categoría de parque natural.