A camelia é unha das flores máis emblemáticas de Galicia e forma parte inseparable da identidade paisaxística e cultural da comunidade. Introducida en Galicia entre os séculos XVIII e XIX a través dos roteiros marítimos e comerciais con Portugal e outros países europeos, atopou no clima húmido e tépedo galego as condicións perfectas para o seu desenvolvemento. Desde entón, xardíns históricos, pazos e espazos botánicos galegos conservaron e enriqueceron un patrimonio único que hoxe sitúa a Galicia como un dos principais referentes internacionais no cultivo e conservación da camelia.
Alén do seu valor ornamental e cultural, Galicia destacou tamén polo seu importante labor na creación de novos cultivases. Un cultivar (variedade cultivada) é un grupo de plantas seleccionado polo home polas súas características únicas —como o tamaño, a cor ou a forma da flor—, que deben ser distinguibles, homoxéneas e estables tras a súa reprodución vexetativa para manter a súa identidade xenética. Diferénciase da “variedade botánica”, que se produce de forma natural. Nos últimos 25 anos rexistráronse máis de 100 cultivares obtidos por membros da Sociedade Española da Camelia, enriquecendo así o extraordinario patrimonio botánico de Galicia e consolidando á comunidade como un referente internacional no mundo da camelia.