Se tiverades a posibilidade de voar e de alzarvos uns cantos metros xusto por enriba do cabo Fisterra, poderiades ver a sinuosa e desafiante orografía da Costa da Morte que entra e sae altiva neste fero Atlántico.

Avisa dos perigos aos navegantes cos seus históricos faros, pero tamén deixa que a forza das ondas se apodere das súas praias de area fina e branca, agasallándonos cunha das paisaxes con máis feitizo de Galicia.

Penedos de Pasarela,
cando vos vexo, penedos
suspiro de amor por ela.
   Eduardo Pondal

Asombra a beleza case cruel das praias do Rostro e de Mar de Fóra pola competencia que parecen manter nelas a auga, o vento e a terra.

Día 1º

Din que o nome da comarca da Costa da Morte, entre outras teorías, fai referencia á gran cantidade de catástrofes mariñas sucedidas en tempos pasados, e tamén nos recentes, debido á perigosidade dos cantís que se afunden no mar e aos frecuentes temporais. Nos puntos estratéxicos, levantáronse desde a antigüidade sinais marítimos que chegaron ata os nosos días, reformados e convertidos en iconas dun territorio marcado pola dureza do océano. Hai algúns que se construíron en tempos recentes como é o caso do moderno faro de punta Nariga, en Malpica de Bergantiños, primeira parada do noso itinerario. Construído en 1995 e deseñado polo arquitecto galego César Portela, érguese rexio no cabo do mesmo nome.

Feito con granito rosa do Porriño, ao mirar detidamente para el descubriredes un gran barco unido en tres corpos que se alza por enriba dos 50 metros sobre o mar. Esta estrutura intégrase nunha contorna de pedras erosionadas polo vento e a auga que semellan esculturas zoomorfas, compoñendo unha insólita paisaxe que se completa coas Illas Sisargas cara ao norte ou o cabo Roncudo, en dirección sur. Non deixedes pasar a oportunidade de degustar os percebes que medran neste cabo, dos que algúns din que son os mellores de Galicia.

A nosa viaxe continúa cara a Camariñas, pero antes faremos dúas paradas en Laxe. Lonxe da concorrida praia que baña a vila, están os areais virxes de Soesto e de Traba que, aínda que tamén teñen forma de enseada, é moi probable que vos reciban con forte vento e ondada. En ambos os dous casos, teredes que deixar o coche nas proximidades e cruzar as dunas polos pasos habilitados ata pisar a area branca e fina que marca o límite co mar aberto. Soesto esténdese uns 860 metros entre punta e punta, mentres que Traba supera os 2,5 quilómetros.

Unha boa distancia que podedes aproveitar para ir dando un paseo e ver entre os xuncos das dunas baixas as aves mariñas: gaivotas, picapeixes, píldoras ou labandeiras, que habitan este grande observatorio ornitolóxico. E, se alzades a vista un pouco máis, seguro que na distancia descubrides algunha das curiosas pedras talladas polo vento e o tempo nos Penedos de Traba e Pasarela, declarados Paisaxe Protexida pola Xunta de Galicia.

Precisamente, esta parte oriental da serra de Pena Forcada esténdese desde Traba de Laxe ata a punta do cabo Vilán, a nosa seguinte parada no territorio de Camariñas. Neste escenario pétreo e, en certa maneira intimidante pola forza coa que o aire o arrasa, levántase outro dos faros máis coñecidos da Costa da Morte tanto pola súa estrutura coma pola súa situación e actualmente por acoller o Museo dos Naufraxios. Na visita á exposición, coñeceredes de cerca os faros e os seus segredos e saberedes por que a fermosura deste lugar contrasta coa súa extrema perigosidade. Neste tramo de costa contabilízanse máis de 150 afundimentos, sendo o máis coñecido o do buque militar inglés HMS Serpent, o 10 de novembro de 1890. Excepto tres sobreviventes que conseguiron chegar malferidos á costa, os restantes 172 tripulantes foron enterrados no coñecido como “Cemiterio dos Ingleses”. Subide ata o antigo facho, situado ás costas do faro actual, de 1896. Dende aquí veredes en toda a súa magnitude a torre octogonal de cabo Vilán. Velaí tedes o "Cíclope" da Costa da Morte, que se eleva 105 metros sobre o mar para lanzar o seu sinal luminoso a todos os buques que navegan por estas augas. Este foi o primeiro faro eléctrico das costas españolas. Outra curiosidade é o túnel cuberto que une o edificio dos fareiros coa lanterna por un dos lados do cantil.

Desde a estrada de acceso ao faro, hai un sendeiro que conduce ata a salvaxe praia de Trece. Deixade o coche e internádevos a pé ou en bicicleta por este camiño que vos permitirá admirar unha magnífica panorámica: o perfil maxestoso de Vilán, praias de bolos, o mar rompendo incesantemente… De novo en camiño, atoparedes o Foxo do Lobo. Trátase dun sistema de caza, de probable orixe prehistórica, que consistía en construír muros de pedra converxentes que se utilizaban para cazar o animal que lle dá nome, porcos bravos ou cervos.

Aquí atoparedes tamén unha gran diversidade biolóxica. De feito, este é o único lugar de Galicia, xunto coas illas Cíes, onde medran os últimos exemplares en perigo de extinción do arbusto da camariña, que lle dá nome a este municipio. Na contorna, fixádevos tamén nos piñeiros mansos torcidos pola forza do vento. A paisaxe ao noso redor fainos pensar na impresionante forza da natureza. Máis adiante, e continuando co sendeiro, chegamos ao Cemiterio dos Ingleses. Ao final do sendeiro, atoparedes a enseada de Trece, custodiada pola figura dunha duna rubideira, que parece querer alcanzar o cumio do monte Branco.

Continuamos cara ao sur para chegar á tardiña deste primeiro día ao punto máis occidental da España peninsular: o cabo Touriñán. Esta é unha pequena península que entra retadora no mar case un quilómetro. Mentres contemplades a paisaxe atlántica da Costa da Morte en todo o seu esplendor co pequeno faro ao fondo, a forza do vento empuxaravos polo sendeiro ata un extremo dos case mil metros que abarca a praia salvaxe de Nemiña para ver como o ceo se arroiba con cores cálidas nestes últimos momentos dos días. O luscofusco tamén pode ser un bo momento para que subades ao monte Facho a contemplar a beleza da península de Muxía. Ou ao mellor, envoltos nesta hora máxica, decidides unirvos aos deportistas que atopan neste areal un paraíso para o surf.

Día 2º

Reservade o segundo día para chegar a Fisterra, a fin do mundo coñecido na Antigüidade. Antes de que entredes na vila e acompañedes os últimos pasos dalgún dos miles de peregrinos de todo o mundo que cada día atopan aquí a súa fin do Camiño de Santiago, visitade dúas praias de beleza case cruel pola competencia que a auga, o vento e a terra parecen manter nelas. Son os areais do Rostro e de Mar de Fóra, abertos ao Atlántico e sempre envoltos nunha aparente soidade

Aínda que, pola súa perigosidade, non forman parte da zona habitual de baño estival, son parada obrigada para todo aquel que se achega a Fisterra. No contorno do Rostro, a liña de area supera os dous quilómetros. É un lugar moi concorrido por amantes da natureza e afeccionados ao sendeirismo. Relacionada con esta praia, existe ademais unha lenda que afirma que debaixo da súa branca e fina area se atopa a mítica cidade de Dugium, fundada polos nerios e que sucumbiu baixo unha enorme onda. Mar de Fóra, máis preto do núcleo urbano fisterrán, conta coa compañía eterna do cabo Fisterra e do cabo da Nave nos seus extremos.

A estadía en Fisterra, igual que en cada unha das anteriores paradas, é unha excelente escusa para probar as delicias deste mar vivo e ás que, na tempada estival, se lle dedican populares festas gastronómicas. Estes pratos típicos son tamén menú habitual nos establecementos locais todo o ano: longueiróns, ameixas, percebes, robaliza á grella, polbo á galega,…

Aproveitade a sobremesa para percorrer a vila de Fisterra acompañados polo arrecendo a mar e polo balbordo cosmopolita dos visitantes, sobre todo nas proximidades do albergue de peregrinos e das cafeterías e bares próximos ao porto. Entrade no Castelo de San Carlos, de 1757, convertido en Museo da Pesca. Se é domingo, atravesade a solemne aura do Santuario de Santa María das Areas para comprobar se á talla case humana do Cristo da Barba Dourada lle medran o pelo e as unllas, como di a tradición, pero non perdades de vista o ceo…

Pouco antes de que o sol morra deberiades chegar ao contorno do faro de Fisterra e estar sentados nunha das pedras do camiño que rodea o promontorio para despedirvos do astro rei neste seu antigo altar, a Ara Solis dos fenicios. O edificio anexo ao faro é o da Serea, máis coñecido como “a Vaca de Fisterra” polos estridentes sons que emite nos días de néboa mesta ata as 25 millas (46 km). O terceiro edificio do conxunto é o do Semáforo, situado a certa distancia dos anteriores. Antes servía á mariña de guerra e agora é unha hospedaría rehabilitada polo arquitecto César Portela.

A sombra do mítico faro, o bruar da Serea, a vista do mar infinito e brillante aló abaixo, algún barquiño ao lonxe, o perigoso illote do Centolo ou a mole pétrea do monte Pindo, do outro lado da ría de Corcubión, serán os vosos mellores compañeiros para poñer fin a esta viaxe por un mar duro, pero calmo, de morte, pero de vida.

Arriba
Axúdanos a mellorar!