O itinerario desta xornada lévanos por unha das costas máis agrestes da ría de Vigo. A Costa da Vela dános a benvida ás súas augas, que bañan praias de area branca das que se contan impresionantes lendas sobre monstros mariños. 

Vexo Cangas, vexo Vigo,
tamén vexo Redondela,
vexo a Ponte de Sampaio,
camiño da nosa terra.
     Canción tradicional galega
 
Se vou a Bueu vou nun bou,
sen non vou a Bueu non vou nun bou
     Trabalinguas tradicional

Percorrido

Comezamos o noso percorrido na parte máis occidental da península do Morrazo, nas exóticas praias con vistas ás Cíes do concello de Cangas. Un paseo polo centro desta vila e tomar un aperitivo nas súas animadas terrazas son a mellor maneira de comezar esta xornada de praias salvaxes. A praia de Nerga será a nosa primeira parada. Esta destaca especialmente polo complexo dunar e polas súas augas tranquilas. Quedos na beira do mar, sentados a carón dalgún dos penedos ou das coloridas barcas de pescadores que repousan na area, deixádevos levar polo son hipnótico do bater das ondas preto de vós.

Seguindo a ruta pola costa, acadamos a praia de Barra. Para chegar ata ela, teredes que acceder por pistas sen asfaltar que vos irán introducindo na salvaxe natureza, ao tempo que o estrés desaparece mentres se reactivan todos os vosos sentidos. Tras atravesar a pé un camiño de terra e seguindo o olor do salitre, chegaredes á máis coñecida praia nudista das Rías Baixas, que conta cun areal de máis dun quilómetro. Despois da camiñada entre árbores, toca descalzarse e regalarlles aos pés unha suave masaxe coa area fina. Xogar a cubrir as pegadas doutros camiñantes ou as das propias gaivotas que ateigan as rochas mentres agardan pola súa comida, relaxaravos decontado. A praia de Barra é ventosa, pero ideal para o baño por ter unha ondada moderada.

Completando este conxunto, atoparedes unha praia un pouco máis íntima, pero de igual beleza. A praia de Melide agárdavos rodeada dun gran piñeiral encargado de proporcionar acubillo nas horas de máis calor. Dende este areal, a vista sobre as Cíes é grandiosa, parecen tan próximas que non dá a impresión de que estean separadas da terra.

O faro que permite a entrada na ría...

Outro lugar que vos ofrecerá unhas vistas espectaculares das illas é o faro de cabo Home, situado no punto da Península Ibérica máis próximo ás Cíes. Rodeado por agrestes cantís, pertence á formación luminosa que permite a entrada á ría de Vigo. A densa néboa que invade a costa frecuentemente provocou que desde 1888 o faro contara cunha serea á que se lle puxo o alcume da “Vaca de Fisterra”, como a do mítico faro da Costa da Morte, para avisar os navegantes do perigo existente.

Como moitos outros lugares no que ocorreron traxedias, cabo Home alberga lendas sobre monstros causantes de naufraxios. A máis popular é unha que perdura, grazas á tradición oral, desde hai máis de cinco séculos. Por aquela época, todos os pescadores que sobrevivían á forza do mar salvaxe de cabo Home anunciaban que a maioría dos barcos se afundían de xeito estraño, e que albiscaban como uns dentes afiados. Un día escuro de tormenta o monstro mariño saíu da auga e ameazou con devorar todos os habitantes de Hío. Segundo contan, era máis grande ca 143 elefantes, pero un guerreiro chamado Oridón decidiu enfrontarse a el. Despois de moitos intentos, atopou o xeito de acabar con el grazas ao seu escudo e á aversión do monstro á luz solar. O monstro de cabo Home, agonizando, derrubouse no mar deixando as súas púas fóra e pouco a pouco foise petrificando. Hoxe en día, esas púas aínda son visibles, xa que agora son as rochas afiadas que hai a carón do cantil de cabo Home. Achegádevos a velas, pero coidado con espertalo…

Camiñar polo contorno do faro é unha invitación a mesturarse coa natureza en estado puro. Sentarse nos acantilados e contemplar como un mar branco de escuma loita coas duras rochas da costa cun bater rítmico é unha experiencia inesquecible. Tamén poderedes perdervos polos camiños que rodean os distintos faros e as praias da zona mentres a brisa da ría vos aloumiña. En cabo Home non hai espazo para o asfalto, a man do home é practicamente imperceptible e a fauna e a flora fanse donas do lugar.

Indo pola estrada da abrupta Costa da Vela deixade por un intre a liña do mar para subir ao Facho de Donón, situado na parroquia do mesmo nome. Chegaredes a el tras facer una camiñada por una corredoira de pedras que se vai empinando a medida que nos achegamos ao cumio. A verba facho alude á pequena torre do século XVII construída con restos de aras romanas, que puido ser empregada como torre de vixilancia para avisar dos ataques dos piratas turcos. A súa situación privilexiada no máis alto da zona garante as mellores vistas das illas Cíes, da illa de Ons, así como das entradas da ría de Vigo e de Pontevedra. En días de bo tempo, incluso poderedes chegar a albiscar Baiona. Segundo a tradición popular, neste alto acostumábase prender unha fogueira que servía como faro para os mariñeiros da zona ao tempo que alertaba os poboados veciños do interior de calquera perigo que se achegase pola costa.

Pero o monte Facho de Donón non é só especial polas incribles vistas, senón tamén porque xusto no punto máis alto poderedes atopar os restos dun poboado castrexo e un santuario galaico-romano do século III d. C. ao aire libre dedicado ao deus Berobreus. 

Preto de Donón, a próxima parada e última é a parroquia de Aldán. Aquí agárdanos o cruceiro de Hío, unha das grandes marabillas do patrimonio etnográfico de Galicia. Este cruceiro do século XIX está tallado case na súa totalidade nun só bloque de granito. Adán e Eva ante o pecado orixinal, a Virxe do Carme auxiliando as ánimas do purgatorio ou a Virxe María pisando a cabeza do demo-dragón son só algunhas das pasaxes bíblicas que poderedes observar.

O 16 de agosto, día do santo, ten lugar diante deste mesmo cruceiro a danza de San Roque do Hío, tamén chamada dos Peregrinos. Participan nela vinte bailaríns, todos homes, que se encargan tamén dos papeis femininos, ataviados cun traxe moi similar ao dos peregrinos. Sen dúbida ningunha, deixamos esta terra máxica da costa das Rías Baixas mergullados na súa natureza e nas súas fermosas e por veces aterradoras historias mariñeiras, férreas testemuñas dunha terra acostumada a convivir co mar. 

Logo desta inmersión na cultura e na natureza da zona e, como broche final a esta xornada, poderedes satisfacer o padal nalgún dos restaurantes de Cangas onde atoparedes unha gran selección dos mellores e máis frescos mariscos e peixes, así como unha gran selección de viños brancos desta parte de Galicia. 

Arriba