Propoñémosche unha escapada de fin de semana en familia para descubrir Lugo, unha cidade de historia milenaria e un contorno que xira arredor do río Miño. É posible pasear pola súa muralla romana, de máis de dous quilómetros de lonxitude, admirar os seus edificios case a vista de paxaro e relaxarse nos espazos termolúdicos dos seus establecementos hoteleiros. E, para completar a experiencia, visitaremos Marcelle Natureza, onde nos achegaremos á vida animal nun espazo natural de gran beleza.

Unha fin de semana para coñecer a cidade histórica de Lugo e gozar das súas augas termais en familia.

Pasearemos pola súa muralla romana, de algo máis de dous quilómetros. E visitaremos o parque zoolóxico Marcelle Natureza, onde veremos canguros, renos e ata tartarugas xigantes.

Máis información...
- Balneario de Lugo – Termas Romanas. www.balneariodelugo.com
- Marcelle Natureza. www.marcellenatureza.com
- Centro de Interpretación de la Muralla. Teléfonos: 982 251 658 / 982 297 347
- Museo Provincial de Lugo. www.museolugo.org.com

Día 1º

Relax entre augas termais

A nosa chegada a Lugo será cara ao mediodía. Despois de deixar as maletas no hotel comeremos no centro histórico, en calquera dos restaurantes que poboan as súas rúas.

Outra opción é ir de tapas, un costume moi arraigado na cidade. Non en van o seu lema gastronómico é: “E para comer, Lugo”.

Regresaremos ao hotel para gozar do seu Club Termal, onde os pais poderán relaxarse tranquilamente, mentres os nenos se divirten na zona infantil, anexa á piscina para adultos, en condicións de total seguridade. Poderedes acceder a estas instalacións durante os tres días de estancia.

Día 2º

Visita a unha reserva natural e viaxe á época romana

Tralo almorzo colleremos o coche ata Outeiro de Rei (a 16 km de Lugo, dirección A Coruña), onde se atopa Marcelle Natureza, un pequeno parque zoolóxico situado nun contorno natural. Aquí pasaremos unha mañá en familia para achegármonos ao mundo da fauna e a flora.

Un parque zoológico en plena natureza

O parque conta con distintas áreas polas que se distribúen especies de distintos continentes, dende cebras, avestruces ou bisontes a lobos, canguros, linces ou renos, entre outras moitas. No reptilario sorprenderannos tanto as serpes como as tartarugas xigantes.

Para gozar con calma da visita, recomendámosvos xantar nas propias instalacións do parque, ou levar o voso propio pícnic e deixarse envolver pola natureza e as ribeiras do río Miño, que conta coa declaración de Reserva da Biosfera. Esta experiencia servirá para que pequenos e maiores se sensibilicen co coidado da natureza.

A Muralla de Lugo e a súa catedral

De regreso a Lugo podemos dar un paseo pola muralla romana, Patrimonio da Humanidade, mesmo percorrela na súa totalidade, algo máis de dous quilómetros. Outra alternativa é subir polas escaleiras de Campo Castelo ata a Torre da Mosquera, que recrea como sería unha das torres da muralla na época da súa construción, e logo descender para ir descubrindo a figura da catedral, baixando da muralla pola rampla da Porta de Santiago, único acceso para persoas con mobilidade reducida ou se ides con nenos en carriño.

Entrar na catedral levaranos a un interior único xa que, das cinco sedes episcopais galegas, só Lugo conserva o cadeirado do coro no centro do templo. Na cabeceira agárdanos outra sorpresa, a Capela da Virgen dos Ollos Grandes, de gran devoción na cidade.

 

A Catedral de Lugo é a única de Galicia que conserva o cadeirado do coro no centro do templo.

O Centro de Interpretación da Muralla.
Sairemos da catedral pola Porta Norte, internándonos no dédalo de rúas da zona histórica ata chegar á Praza do Campo. Achegarémonos ao Centro de Interpretación da Muralla para coñecer máis detalles da súa construción e da vida diaria da cidade. Vídeos e pantallas táctiles permitirán a pequenos e adultos regresar no tempo ata a época romana, cando se levantaron os templos, casas, edificios e os muros de Lucus Augusti, nome que recibiu a cidade ao ser fundada como unha das capitais de Gallaecia, a Galicia romana.

Logo, nalgún dos restaurantes e bares de tapas polos que é famosa Lugo deixarémonos tentar por peixes, carnes ou verduras da gastronomía galega.

 

 

Día 3º

Augas termais e un percorrido pola historia

Pola mañá aínda hai tempo para un último baño nas piscinas do Club Termal. Ou mentres os nenos gozan na zona infantil (dependendo das súas idades), os pais poden recibir un tratamento de saúde, estética ou beleza nunha das cabinas das instalacións do hotel.

Antes de deixar Lugo recomendámosvos que vos acheguedes ata o Museo Provincial, instalado nun antigo convento franciscano. É de acceso gratuíto e nas súas salas trasladarémonos a épocas pasadas. Veremos de preto torques e outras xoias en ouro usadas polos habitantes dos nosos castros, restos de mosaicos que decoraban o chan das casas máis ricas da cidade, ou a recreación dunha cociña tradicional galega con lareira, potes, cantareiros e outros elementos e utensilios típicos. O conxunto complétase con pintura, escultura e unha mostra de cerámica e porcelana de Sargadelos, xunto cunha colección de abanicos e reloxos que vos sorprenderá.

Os nosos pasos levarannos á Alameda ou Praza Maior, coas súas terrazas, e á Casa do Concello. Faremos unha última foto familiar xunto ao monumento que representa aos fundadores da cidade. Logo regresaremos ao hotel para recoller as maletas e poñer punto final a este percorrido pola historia de Galicia, a natureza e os beneficios das nosas augas mineiromedicinais.

O Museo Provincial de Lugo acolle a recreación dunha cociña tradicional galega.

Arriba
Axúdanos a mellorar!