Unha proposta para vivir Santiago dunha maneira diferente despois de facer o Camiño. Rodeados de pedra, degustaremos a esencia da gastronomía galega, coñeceremos os recunchos máis “composteláns” e relaxaremos corpo e espírito nun spa urbano.

Propoñémosvos unha experiencia que vos conectará coa cidade dunha maneira profunda, alegre e divertida, para logo descansar o corpo e a mente, deixando atrás as fatigas da peregrinación.

O último día do Camiño de Santiago, cando chegamos á cidade do Apóstolo cargados de emocións, merece un lugar especial na memoria. Propoñémosvos unha experiencia que vos conectará coa cidade dunha maneira profunda, alegre e divertida, para logo descansar o corpo e a mente, deixando atrás as fatigas da peregrinación.

Máis información...
-Oficina do Peregrino (Santiago). www.peregrinossantiago.es
-Catedral de Santiago. www.catedraldesantiago.es

Día 1º

Pedra, gastronomía e o poder relaxante da auga

A Praza do Obradoiro, punto de chegada de todos os Camiños
A medida que entramos en Compostela polo tramo urbano do Camiño de Santiago é inevitable sentir como medra a emoción ata alcanzar a Praza do Obradoiro. Unha vez aquí veredes recompensado calquera esforzo feito durante a peregrinación.

No centro da mesma está sinalizado o quilómetro cero, punto de chegada de todos os Camiños, unha placa labrada no chan onde pode lerse a declaración de Primeiro Itinerario Cultural Europeo feita polo Consello de Europa en 1987. Neste punto conflúen todos os corredores radiais que, en forma de estrela, cobren o pavimento do Obradoiro.

A maxestosidade da catedral e os edificios que a rodean
Dende aquí catívanos a beleza da fachada da catedral, enxalzada cara ao ceo polas súas torres barrocas, xunto á monumentalidade de todos os edificios que a rodean. Á nosa esquerda está o Hostal dos Reis Católicos, antigo hospital de peregrinos e hoxe Parador; ás nosas costas o Pazo de Raxoi, sede do Goberno municipal e da Presidencia da Xunta de Galicia; e á dereita o Pazo de San Xerome, sede do reitorado da Universidade de Santiago de Compostela.

Un barroco, outro gótico de transición, outro neoclásico e outro renacentista. E todos conviven dentro da harmonía proporcionada polo granito. Tamén todos eles están unidos pola figura omnipresente do Apóstolo Santiago, baixo distintas representacións: como Santiago Matamouros, o guerreiro sobre o seu cabalo, como peregrino, camiñante con vieira e bastón e como Apóstolo.

Na Oficina do Peregrino recibimos a “Compostela
Aconsellámosvos realizar a visita ao interior da catedral ás doce do mediodía, cando comeza a Misa do Peregrino. Antes podedes dirixirvos á Oficina do Peregrino para deixar a vosa mochila nas consignas e así desprazarvos con maior comodidade pola cidade.

Na Oficina tamén poderedes selar as “credenciais de peregrino”, que ademais vos serven para obter descontos nalgúns dos lugares que visitedes e solicitar o certificado tradicional da peregrinación, a famosa “Compostela”, de orixe medieval. Concédese a aqueles que percorreron a pé ou a cabalo os últimos 100 quilómetros do Camiño ou 200 quilómetros en bicicleta e manifestar, como mínimo, que se fai por motivo relixioso. A Oficina está situada preto do Obradoiro, na Rúa do Vilar, anexa á praza catedralicia de Praterías.
Na mesma rúa atópase a Oficina Municipal de Turismo. Pode ser boa idea que vos acheguedes ata alí e vos fagades cunha das audioguías sobre a cidade, opción que vos permitirá aproveitar a tarde percorréndoa ao voso ritmo.

A maxia do botafumeiro na catedral
Se a vosa chegada coincide en datas litúrxicas sinaladas teredes a sorte de vivir unha experiencia única e emocionante: ver o voo pendular do botafumeiro. Fóra destes días pódese pedir con antelación, con custo para quen o solicite. Oito homes, os tiraboleiros, tiran con forza e precisión dunha maroma da que pende este enorme incensario para elevalo e que chegue a rozar a bóveda do transepto, mentres as brumas de incienso impregnan o ambiente dunha atmosfera máxica e un cheiro particular.

Tede en conta que na catedral está permitido fotografar e gravar nos espazos de libre acceso pero sen flash nin trípode. Ademais da obra máis universal do templo, o Pórtico da Gloria, o seu interior garda unha gran riqueza artística que iremos descubrindo. É tradicional a visita ao Santo subindo ao camarín do altar maior e darlle o habitual abrazo á súa estatua. E logo baixar á cripta, onde se custodian as reliquias que a tradición afirma que pertencen ao Apóstolo e que se conservan dentro dunha urna de prata labrada.

Racións da mellor gastronomía con viño galego
Se o momento no que abandonemos a catedral coincide coa hora de xantar, podemos dirixirnos cara á Rúa do Franco ou A Raíña. Ambas están repletas de restaurantes nos que sempre atoparemos as típicas racións galegas de polbo á feira, empanada, raxo, orellas, carne ao caldeiro, sardiñas, xoubas e pementos de Padrón -cando é temporada-, ademais de mexillóns, berberechos e todo tipo de mariscos. Poderemos acompañar tan ricas viandas con calquera dos viños galegos das cinco denominacións de orixe e na sobremesa probar a afamada torta de Santiago e as filloas.

Os lugares máis “composteláns”
Trala comida percorreremos ao noso ritmo as rúas que circundan a catedral e os principais puntos do centro histórico de Santiago. Coa audioguía escollida saberemos o significado que teñen estes lugares para os composteláns, que ademais dun grande atractivo artístico e reclamo turístico son, sobre todo, moi seus.

Preto da catedral, na ala do Pazo de San Xerome que mira á Rúa Fonseca, podemos realizar o mesmo rito que adoita practicar todo universitario que chega a Santiago por primeira vez ante a “árbore da ciencia”. Trátase de sinalar co brazo, de costas á árbore, unha das súas ramas de coñecemento. Ao volvernos para mirar descubrimos para que disciplina das artes, as letras ou as ciencias estamos dotados, segundo os designios da árbore.

Unha sombreirería cun século de existencia
Despois podemos pasear pola céntrica e transitada Rúa do Vilar, onde se situaba o entrañable Cine Yago, no que se proxectaron as primeiras películas de mans da compañía Lumière e onde se facían os espectáculos de varietés. Tamén se atopa unha das tendas máis antigas de Santiago, unha coqueta sombreirería dun século de existencia, que segue a conservar o toque auténtico de época.

Na Alameda hai
un banco semicircular
cunha acústica especial,
usado polos namorados
dende o século XIX

Logo os nosos pasos levarannos ata a Alameda.Aquí obteremos unha das máis fermosas panorámicas da cidade. Ademais, teremos a oportunidade de probar a especial acústica dun banco semicircular situado xunto ao palco da música, tal como o facían os namorados na época decimonónica para dedicarse palabras de amor na distancia pero que soasen como se case as dixesen ao oído.

Relaxamos corpo e mente nun spa urbano
Tras ter percorrido esta cidade Patrimonio da Humanidade, propoñémosvos dedicar o que queda de tarde ao relax. En Santiago existen varios spas urbanos, que teñen en conta o carácter de Compostela como lugar de peregrinación. Algúns dispoñen de programas deseñados de maneira específica para aliviar a fatiga do Camiño. Céntranse en relaxar corpo e mente e mellorar posibles molestias musculares e articulares a base de circuítos termais e masaxes.

Carnes, peixes e mariscos
Xa en perfecto estado podemos buscar un lugar onde cear antes de ir descansar ao albergue. No casco histórico, preto uns doutros, atopamos dende restaurantes selectos e de autor a casas de comidas, mesóns, tabernas tradicionais ou tentadoras marisquerías. Todas as opcións están abertas: irse de viños e tapas ou decantarse por pratos máis elaborados, como os peixes en caldeirada ou os mariscos ao vapor e á grella, sen esquecer a excelencia da tenreira galega.

Día 2º

Un singular paseo polos tellados da catedral

Tralo almorzo recomendámosvos que vos despidades de Santiago cunha mirada sorprendente da cidade a vista de paxaro, programando unha visita ás cubertas da catedral. Unha experiencia única na que, acompañados por un guía, percorreremos as salas do Pazo de Xelmírez, xoia do Románico civil.

Logo subiremos e pasearemos polos tellados de granito que cobren as naves e apreciaremos de preto as torres que miran ao Obradoiro. Destaca a Berenguela,que marca as horas na cidade. E a denominada Cruz dos Farrapos, trasladada aquí dende a súa localización orixinal e onde os peregrinos, en tempos, deixaban as súas vellas vestiduras e o Cabido proporcionáballes unhas novas.

Noutros tempos
a altura das chemineas indicaba se as casas eran ricas ou modestas

Tamén podemos botar unha ollada ao interior da catedral a través dos rosetóns que se abren cara ao sur e cara ao norte, e, se temos sorte, ver “voar” o botafumeiro.

Este paseo ofreceranos unha perspectiva totalmente nova das prazas que circundan o complexo catedralicio e os tellados dos edificios que conforman o centro histórico da cidade, dende os máis impoñentes de San Martiño o San Paio de Antealtares ás vivendas máis modestas, pero non por iso menos ricas. As chemineas, que veremos por todas partes, indicaban noutro tempo a riqueza da casa: a maior dimensión, mellor cociña e, por tanto, menos fame se pasaba no seu interior.

Ademais desta paisaxe urbana, as cubertas tamén ofrecen horizontes verdes das montañas que rodean Compostela, como O Pedroso, magnífico miradoiro natural da comarca, de fácil acceso a pé dende a catedral.

Arriba
Axúdanos a mellorar!