A Galicia, unha terra callada de lendas, de literatura e ata de cancións populares dedicadas ás súas augas, a tradición termal vénlle de lonxe. Xa os romanos, que sabían ben o que facían, souberon utilizar os seus moitos mananciais para mellorar a saúde, mais tamén para divertirse e relaxarse. Por outra parte a xeografía galega está sementada daquelas pozas de sandar nas que os nosos tataravós encontraban alivio.
Durante a época dourada do termalismo -de mediados do s. XIX a comezos do s. XX- os balnearios galegos con máis tradición convertéronse en grandes centros sociais que congregaban a flor e a crema da sociedade.