Entre a Ría de Muros e Noia e a Costa da Morte, encontramos un rosario de praias e sistemas de dunas de grande interese natural e singularidade paisaxística. Os ecosistemas acuáticos están representados pola lagoa de Louro e as marismas de Carnota.

Mar, area e auga

Entre Muros e a desembocadura do río Xallas, altérnanse praias abertas ao Atlántico con treitos rochosos. Detrás dalgunha destas praias imos encontrar zonas húmidas de grande importancia para as aves, como son a lagoa de Louro ou as marismas de Caldebarcos.

As praias destacan polo seu bo estado natural, con dunas en xeral ben conservadas, e os treitos rochosos mantéñense aínda exentos dunha grande ocupación humana, polo que é un conxunto litoral pouco transformado pola man do home. En Louro encontramos unha lagoa cun importante canaval, na que recala un gran número de aves, tanto para nidificar como para invernar e descansar das migracións.

Despois da impoñente barreira de dunas da gran praia de Carnota, duns 5 km de lonxitude total, atopamos as famosas marismas de Carnota, con extensas xunqueiras rodeadas por bosques de ribeira e unha gran marisma sometida ao influxo da marea, A Berberecheira.

En conxunto, trátase dunha zona de extraordinaria beleza, na que podemos observar unha multitude de aves acuáticas, mariñas e terrestres. Por se isto fose pouco, todo o conxunto está presidido polo monte Pindo, unha enorme masa granítica que se eleva 600 metros xusto na beiramar, concedéndolle á paisaxe un aspecto fóra do común.

Os roteiros

Roteiro en coche: O Pindo - Louro

MELLOR ÉPOCA

De agosto a maio

DISTANCIA

37 Km

DURACIÓN

4 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Carnota, Dumbría, Muros

PERCORRIDO

O Pindo - Carnota - Louro

Puntos clave da ruta

  1. Desde a fervenza do Ézaro (1) dirixímonos cara ao sur, deténdonos a observar os diferentes grupos de gaivotas nas praias e portos.
  2. En Caldebarcos podemos parar e achegarnos á marisma da Berberecheira (2), alí imos poder ver pilros comúns, píllara das dunas, mazaricos rabinegros, garzas reais, etc.
  3. Desde a vila de Carnota achegámonos á Boca do Río (3), a outra parte das marismas, onde existe un observatorio ornitolóxico (4).
  4. En Lira é interesante deterse no porto (5) e na punta próxima para observar limícolas como o pilro tridáctilo e a gaivotas de varias especies.
  5. A praia de Lira (6) adoita albergar grandes grupos destas últimas.
  6. Podemos deternos na lagoa de Louro (7) para observar patos frisados, mergullóns pequenos, garzas reais, etc. e finalmente, achegarnos á punta Queixal fronte ao faro de Louro (8), un lugar idóneo para a observación de aves mariñas como o corvo mariño grande e o cristado ou, con sorte, o furabuchos das Baleares.

Roteiro a pé: A Boca do Río - A Berberecheira

MELLOR ÉPOCA

De setembro a maio

DISTANCIA

2 Km

DURACIÓN

1 hora, ida e volta

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Carnota

PERCORRIDO

A Boca do Río - A Berberecheira

Puntos clave da ruta:

  1. Desde o final da pequena estrada, dirixímonos á praia, na desembocadura de dous regatos (A Boca do Río) (1), onde podemos dar un pequeno paseo polas rochas e dunas entre ambos. Bo sitio para limícolas, especialmente para a píllara das dunas, gaivotas e carráns.
  2. Rodeando a marisma da Berberecheira (2) habemos chegar ao observatorio ornitolóxico (3), desde onde se divisa a marisma por completo. Durante a migración o número de limícolas é moi grande. Habemos estar atentos, entre outras especies, ás garzas reais, garzotas e carráns cristados.

Roteiro a pé: Carnota - Praia de Carnota

MELLOR ÉPOCA

De setembro a febreiro

DISTANCIA

2,5 Km, só ida

DURACIÓN

1 hora e media, só ida

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Carnota

PERCORRIDO

Comportas da zona húmida de Baldaio - Pedra do Sal - Cámping de Baldaio e regreso

Puntos clave da ruta:

  1. Saímos da vila de Carnota (1) e dirixímonos directamente á praia. A ruta pasa por unha contorna de prados e pequenos cultivos (2), onde é moi doado observar carriza dos xuncos e outras pequenas aves.
  2. Ao chegar ás marismas (3) habemos prestar atención ás garzas reais, garzotas, becacinas comúns, etc. A tartaraña das xunqueiras é común no paso migratorio.
  3. Na praia (4) podemos observar gaivotas patiamarelas e escuras e mais gaivotóns reais. Atenderemos tamén ás limícolas

Roteiro a pé: Lagoa e praia de Louro

MELLOR ÉPOCA

De setembro a maio

DISTANCIA

1,5 Km, só ida

DURACIÓN

1 hora (só ida)

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Muros

PERCORRIDO

Lagoa e praia de Louro

Puntos clae da ruta:

  1. Partimos do pequeno aparcadoiro (1) sinalizado ao lado da lagoa. Aquí xa podemos escoitar moitas aves do bosquete de ribeira e dos canavais próximos, como a folosa das canaveiras.
  2. Seguimos a pista (2) que toma altura para obter unha boa vista da lagoa. Desde alí podemos observar, entre outros, unha multitude de anátidas, gaivotas, garzas reais ou mergullóns pequenos. En outono déixanse ver tamén algúns cullereiros.
  3. Unha vez na praia (3), habemos estar atentos aos grupos de aves que hai nela, así como tamén aos que encontramos fronte a ela, como por exemplo os carráns cristados. Tamén podemos achegarnos á desembocadura da lagoa (4) para ter unha mellor perspectiva
As aves

Nas praias podemos encontrar nidificando á píllara das dunas e, durante a estadía invernal e a migración, bandadas de gaivotas de diferentes especies e limícolas, como o pilro tridáctilo. Nas dunas cantan as lavercas comúns, mentres que nas xunqueiras as lavandeiras amarelas locen na primavera a súa intensa cor amarela.

Na lagoa de Louro podemos observar patos frisados nidificando, así como galiñola de augas e mergullóns pequenos. Desde finais do verán arriban nela centos de gaivotas, garzas reais, garzotas e cullereiros que por unhas horas se alimentan alí.

Nas marismas de Carnota, centos de limícolas detéñense durante a migración e son habituais garzas reais, garzotas pequenas e corvos mariños grandes.
Non estaría completo o panorama sen botar unha ollada a mar aberto, onde podemos ver desde mascatos do Atlántico a furabuchos das Baleares.

Consellos e recursos
  • As aves das zonas húmidas son sensibles; respectaremos o seu benestar observándoas desde a periferia. Por iso é importante usar telescopio. Nas praias e noutros lugares é importante non molestar os grupos de aves.

  • Non nos internaremos polas dunas ou pola parte máis próxima da praia porque son lugares de grande interese para a cría dalgunhas especies.

  • En inverno cómpre usar botas de auga para andar por algúns treitos dos itinerarios

Arriba