De camiño ao santuario da Nosa Señora do Monte Medo aproveitade para facer unha pequena parada en Xunqueira de Ambía para así coñecer a súa colexiata e o seu precioso claustro gótico. Despois, xa na vila termal de Baños de Molgas, invadiravos a tranquilidade e o recollemento dunha auténtica vila da Galicia interior. Alí decatarédesvos do poder que o líquido vital ten na zona. Levan máis de cen anos aproveitándose das augas termais que aquí abrollan, e que son recoñecidas como medicinais dende 1873. Para sentir o calor agarimoso de Galicia, nada mellor que empaparse nestas augas.
Ao chegar ao santuario de estilo barroco, e un dos máis concorridos da Diocese de Ourense, teremos que facer unha viaxe no tempo ata a batalla entre os condes de Caldelas e de Pena, a comezos do século IX, para comprender mellor a súa lenda. Esta conta que tras unha dura lide no Monte Medo, o señor de Caldelas, véndose vencido, logrou darlle a volta á contenda tras pedir a intervención da Virxe. Agradecido pola vitoria, mandou levantar a ermida de Nosa Señora da Defensa que desapareceu co paso do tempo. Anos despois, unha nena atopou a imaxe da santa no interior dun carballo e esta comunicoulle o seu desexo de que se levantase alí un novo templo. Os veciños decidiron levar a imaxe á igrexa parroquial, pero antes de chegar, decatáronse de que a talla volvera ao lugar no que fora descuberta, polo que decidiron non lle levar a contraria. Actualmente, acoden fieis por milleiros, moitos deles a pé dende os seus lugares de residencia. Principalmente chegan durante os días grandes da romaría, o 7 e 8 de setembro e tamén durante o novenario, no que o fervor é tal, que fai que algúns permanezan durante os nove días na hospedaría do lugar.