No segundo día do noso percorrido, aínda cantaruxando o “Ondiñas veñen, ondiñas veñen, ondiñas veñen e van”, dirixímonos cara a Boiro e facemos a primeira parada no enclave arqueolóxico dos Castros de Neixón. Situado nunha pequena península, ao fondo da ría de Arousa, este é un dos xacementos de maior relevancia do Noroeste peninsular. Percorrede a pequena península e gozade co espectáculo que a natureza da ría vos ten preparado. Dende aquí divisaredes unha magnífica panorámica, tanto da ría coma da vila mariñeira de Rianxo. Nas proximidades dos castros, atoparedes o Centro Arqueolóxico do Barbanza onde poderedes pescudar un pouco máis sobre a pegada que deixaron os primeiros poboadores destas terras.
Continuamos a nosa ruta pola costa, en dirección á Pobra do Caramiñal. Alí atoparemos a imaxe do Divino Nazareno, na igrexa de Santiago do Deán. A romaría do Nazareno ou das Mortallas, o terceiro domingo de setembro, é unha procesión que se vén celebrando dende o século XV. Nela participan con gran fervor milleiros de fieis que acompañan o desfile de cadaleitos baleiros que preceden aos devotos que esquivaron a morte grazas á intervención do Nazareno. Os familiares do ofrecido, vestidos con hábito morado, levan o féretro e portan grandes cirios nos que atan exvotos de cera. Esta é unha imaxe impresionante, incluso para os máis escépticos, na que se ve como a vida se antepón á morte. Se non cadrades cos días da romaría, aproveitade igualmente para entrar na igrexa coincidindo coas misas da tarde. Ademais de poñerlle unha candea ao Nazareno para que escoite as vosas peticións, non deixedes de visitar a capela da Alba, unha das máis antigas do templo cuxa importancia reside en que os mariñeiros acudían alí para escoitar misa ao volveren de faenar, pois regresaban ao amañecer, de aí o seu nome.