Esta ruta percorre camiños no corazón de Galicia, onde se xuntan as provincias de Pontevedra, Lugo e Ourense para levarnos por unha viaxe mística a través de santuarios máxicos situados en belas paisaxes naturais.

Cando alguén “bota o demo fóra” ou “quita o meigallo”, a forza maligna que o posuía desaparece. Unha posesión satánica é un corpo con dobre espírito que alberga a alma dunha persoa e a dun demo. Maniféstanse de forma alterna, nunca ao mesmo tempo. O mal do “ramo cativo” afecta aos nenos que quedan murchos, esmirrados e sen espírito nin vida

Data de celebración das romarías:
- Nosa Señora do Corpiño: A romaría de máis afluencia ten lugar o 23 e 24 de xuño. O 25 de marzo ten lugar “O Corpiño de Inverno”.
- Nosa Señora do Faro: 8 de setembro.

Día 1º

Comezamos a primeira xornada polas Terras do Deza, paisaxe flanqueada pola Torre de Cira, onde se atopan os restos da fortaleza na que no século XII a raíña Urraca tivo preso a Xelmírez. Entre fragas, fervenzas e pazos, detémonos para descubrir a riqueza prerrománica do mosteiro de Camanzo e os seus ben conservados frescos. Fundado polos Condes do Deza, dende o mosteiro poderedes gozar dunhas boas vistas do val do río Ulla.

Continuamos a nosa viaxe ata o mosteiro de Carboeiro, no concello de Silleda. Este cenobio, situado nun contorno natural e illado, cumpriu á perfección a súa función de refuxio de meditación para os monxes que o habitaron séculos atrás. O edificio, construído nun alto do terreo e rodeado por un meandro do río Deza, permítenos contactar directamente co patrimonio e coa historia medieval de Galicia, da que poderedes obter máis detalles durante as visitas guiadas que relatan a arquitectura e a historia deste monumento. Foron os discípulos do Mestre Mateo, artífice do Pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela, os que puxeron o seu selo nesta xoia do estilo románico oxival galego.

O escenario natural remarca a posición privilexiada do mosteiro envolvéndonos no misticismo destas paredes santas. Só nos resistimos a deixalo atrás ante a posibilidade de facer unha sosegada ruta de sendeirismo de dúas horas por vellos camiños, cruzando a Ponte do Demo, que recibe este nome por ser noutros tempos punto estratéxico de atracos e roubos. Esta ponte levaranos ata a fervenza do río Toxa, cunha caída libre de 30 metros, unha das máis altas de Europa. Espectacular é a vista dende abaixo, pero subide tamén ata os miradoiros na súa parte máis alta. Alí albiscaredes tamén o Deza e un treito do camiño percorrido. Na temporada estival, poderedes repoñervos da camiñada parando a medio camiño do sendeiro para mergullarvos na praia fluvial da Carixa.

Escorrentade o cansazo para admirar a nosa seguinte parada: a tradición comercial da vila de Agolada, concentrada nos Pendellos. Este antigo recinto feiral de máis de 400 anos, situado no centro da poboación, é unha sorte de retablo civil que nos fala da vella economía de Galicia, das relacións que se tecían nos mercados medievais e dos tratos de palabra inquebrantables. Paseando polas estreitas calellas de lastras, por entre os postos de columnas e mostradores de pedra, case podemos ulir os produtos do campo ou sentir os animais que viñan vender os agricultores e tratantes da contorna. Tras a recuperación deste enclave, a vida volve aos Pendellos cada mes de agosto na forma dunha feira de artesanía tradicional.

Día 2º

A primeira parada deste segundo día será a 1.187 metros de altitude, no monte Faro, xa nas terras luguesas do concello de Chantada. Aquí levántase unha capela para venerar á Virxe do mesmo nome. Dende o cumio desta montaña, no límite entre o municipio lucense de Chantada e o pontevedrés de Rodeiro, domínanse amplas vistas das catro provincias galegas, suaves ondulacións, terras de cultivo e soutos centenarios.

A nosa viaxe lévanos agora cara ao municipio de Cea, na provincia de Ourense, para atoparnos coa presenza impactante do mosteiro de Santa María a Real de Oseira. É coñecido coma “O Escorial galego”. Non perdades a oportunidade de facer unha visita guiada polas distintos recintos do mosteiro e non esquezades que podedes levar un saboroso e orixinal recordo del: o Eucaliptine, o licor elaborado polos propios monxes. O pan de Cea é outro dos exquisitos manxares que non podedes deixar de probar na vosa visita a esta vila.

Cambiamos de novo de provincia para trasladarnos ao municipio pontevedrés de Lalín, onde se atopa o santuario de Nosa Señora do Corpiño. Este templo, de estilo neoclásico, está situado no alto dun outeiro. Desde aquí teredes unhas excelentes vistas do contorno natural da comarca que acolle un dos santuarios marianos máis antigos e coñecidos de Galicia. Foi levantado no século XVIII sobre a antiga capela das Aparicións. Logo da súa fundación, os numerosos milagres de Nosa Señora do Corpiño, sobre todo os relacionados cos males da cabeza, déronlle gran renome. Os días de romaría, que coinciden co San Xoán e co solsticio de verán, son os máis multitudinarios. Durante todo o ano hai devotos que acoden esperanzados para pedirlle clemencia e remedio á Virxe. Esta é unha proba do cariño e da confianza que a Virxe esperta entre os fieis por ser avogada milagreira de todo tipo de doentes, pero sobre todo daqueles con doenzas ligadas á mente e ao espírito. Coa evolución dos tempos, tamén é posible deixar as pregarias na páxina web do Santuario.

Este lugar sagrado é moi coñecido por ser escenario de curacións de endemoñados e pola práctica de exorcismos á porta da igrexa, para a cal o párroco deste templo ten autorización do mesmo Vaticano. Hoxe en día, os psiquiatras buscan explicación a estes estraños síntomas nas enfermidades mentais pero no culto popular aínda hai quen fala de posesións diabólicas. En todo caso, poderedes tentar sentir o halo deste lugar máxico conforme entredes no adro onde se xuntaba todo tipo de xente para “quitar o meigallo”, “botar o demo fóra” ou curar “o ramo cativo”. Nos postos de arredor do templo tamén venden amuletos contra o mal de ollo e a envexa, así como para preservar a saúde.

Xa o escritor Vicente Risco escribiu sobre estes rituais nos que participaban familiares do “endemoñado”, o sancristán, exorcistas e “rosareiras” (vendedoras de rosarios). Se vos fiades da lenda, non abrades a boca estando aquí por se a bola de pelo expulsada por algún dos posuídos aínda roda entre os bancos da igrexa e vos entra no corpo. Hoxe en día, os que lle imploran axuda á Virxe seguen rituais menos traumáticos.

Igual cós romeiros máis devotos, non marchedes sen tocar a imaxe de Nosa Señora. A procesión dos días grandes dura máis dunha hora. A multitude de romeiros rodean e case agochan o santuario. Un tras un, van pasando por debaixo da imaxe mostrándolle a súa veneración á Virxe. Tocan os mantos coas propias mans ou frégano cos panos e pídenlle amparo. Fe, devoción e fervor tamén son sentimentos que impregnan o ambiente do santuario no chamado “Corpiño Pequeno”, que se celebra coa chegada da primavera o 25 de marzo.

Outra tradición que non debedes perder é a de comprar queixo ou embutidos nas tendas tradicionais dos arredores do santuario, nas que tamén, de seguro, veredes algún cartel da Festa do Cocido de Lalín. Esta festa celébrase dende 1968 coincidindo co domingo anterior ao Entroido. Abondoso e consistente, o cocido galego é unha exaltación da matanza e dos produtos da terra. Este prato típico do inverno é unha referencia no calendario gastronómico de toda Galicia, pero sobre todo, no municipio de Lalín, onde esta reunión gastronómica atrae cada ano milleiros de persoas a estas terras de historia, tradicións e supersticións.

Arriba