"A paisaxe galega que contemplamos
foi creada pacientemente, tenazmente,
por xeracións e xeracións de galegos
co seu traballo, coas súas mans."
  

Ramón Piñeiro (1913-1990), escritor

Velaquí unha paisaxe que os galegos gustamos de dicir humanizada —unha casa aquí, outra acolá— onde a distancia entre os lugares non é moita e onde os lugares inhabitados son sempre de pouca extensión.

Nos recunchos máis agachados, as fragas, o bosque antigo e misterioso.

"A rocha granítica é carácter dominante en Galicia. As súas formas suaves, opulentas, moitas veces nun estadio avanzado de senilidade, compoñen as grandes paisaxes e os pequenos detalles [...]

Son de granito os pazos, os templos románicos e as moradas labregas."
  

Ramón Otero Pedrayo (1888-1976). Escritor

Velaquí un antigo reino
atlántico onde vivimos preto de
tres millóns de galegos.

A maior parte dos galegos
vivimos ao pé do mar.

Entre as voltas e reviravoltas da costa barroca habita o 66% da poboación.

O Atlántico manda, porque
é do océano de onde veñen as choivas
que manteñen o país sempre verde,
a el van os mil ríos do país e
del vén o tempero que achega
a corrente do Golfo.

Arriba