É doado entender por que centos de monxes e ermitáns escolleron os bosques da Ribeira Sacra para levantar aquí os seus mosteiros: soidade, calma, silencio, natureza, verdes e ocres, viñedos, augas tranquilas…

Parece o lugar ideal para afastarse do mundanal ruído, para relaxarse, para encontrarse cun mesmo e coa natureza. Sabíano entón os monxes e agora invitámosvos a descubrilo a vós.

Para iso, propoñémosvos tres rutas de sendeirismo nas que poderedes gozar do patrimonio natural e cultural da Ribeira Sacra a través dos seus tres bosques máis prezados: o bosque de Santa Cristina de Ribas de Sil (Parada de Sil), o bosque de Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín) e o Bidueiral de Montederramo (Montederramo) que alberga un dos bosques de bidueiros mellor conservados de Galicia.

A través dos Bosques da Ribeira Sacra colgarédesvos do Canón do río Sil nos seus últimos quilómetros ata a súa desembocadura do gran río de Galicia, o Miño, sorprenderanvos as súas paisaxes de bancais para o cultivo das vides (recordade que estades nas terras do viño con Denominación de Orixe Ribeira Sacra!), e descubriredes como conviven carballos e castiñeiros con sobreiras e albedros, moi pouco habituais en Galicia.

Un último consello! Se vos achegades á Ribeira Sacra a percorrer estes bosques, non esquezades descubrir o seu Patrimonio Oculto, a través da experiencia "Ribeira Sacra: entre viñedos e mosteiros".

O bosque que reza

Sto. Estevo de Ribas de Sil

O río Sil discorre polo fondo dun profundo val, resgardado por un bosque de ribeira no que convive a vexetación mediterránea cos fillos naturais das fragas galegas. Máis arriba, os restos da ermida de San Xoán ofrécennos un enclave de xenerosas vistas. E aínda máis alto, emerxe a figura do mosteiro, insinuándose entre carballos e castiñeiros. O que foi mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil é hoxe un acolledor Parador de Turismo. Brillantemente restaurado, as súas habitacións foron as celas dos monxes.

Abrigado polo mesto bosque, o mosteiro rumoréalle os seus segredos á ermida de San Xoán. Escoita en silencio o que din. Ás veces óense aquí palabras e rezos.

Ruta de San Estevo de Ribas de Sil
Punto de inicioTipo de rutaKmDuración estimadaDificultade en progresiónDificultade en orientación
Os Peares (A Peroxa)Circular73 h.MediaMedia
PERFIL: Sendeiristas ocasionais

A ruta que vos propoñemos nesta ocasión é circular, polo que poderedes iniciala e terminala en calquera dos puntos polos que pasa. A nosa opción recomendada é a de tomar como punto de partida a estrada que desde Os Peares leva á central hidráulica de San Pedro e remonta logo o río Sil. Comezaredes por un percorrido duns 6 km, aínda no coche, ata atopar un pequeno aparcadoiro e os paneis informativos da ruta.

Para recobrar o alento, buscade os restos da ermida de San Xoán e mirade ao voso ao redor a beleza da paisaxe.

O noso camiño comeza xunto ao río, pero que non vos asuste a gran pendente que vos dá a benvida da ruta! O sendeiro ascende cunha brusquidade á que debedes responder con calma, pois pasa pronto e enseguida obteredes recompensas moi reconfortantes.

Deixaredes a ermida atravesando un bosque asombroso, no que un camiño sinxelo pero de exemplar trazado, que combina belas vistas cunha gran variedade de árbores e vexetación.

O mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil presentarásevos de súpeto canto menos os esperedes. Ao principio será unha vista velada polo arboredo, moi suxestiva. A medida que vos vaiades aproximando, as súas formas revelaranse contundentes. Ao chegar ao Parador, non sexades tímidos e non fiquedes ás portas! Aproveitade para refrescarvos nun ambiente histórico e artístico moi reconfortante.

Tras un merecido descanso e descubrir os recunchos Santo Estevo, poderedes continuar a vosa experiencia pola parte alta do mosteiro, grazas ás escaleiras que hai fronte á entrada principal. Preto deste punto, unha derivación do camiño propoñeravos coñecer o funcionamento dos sequeiros, as construcións tradicionais empregadas para secar as castañas e facilitar a súa conservación. É un desvío curto e ameno. Merece a pena!

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

O bosque beneditino

Sta. Cristina de Ribas de Sil

Miles de castiñeiros tapizan a ladeira sur do Canón do río Sil. Por riba das copas das árbores asoma o campanario dun mosteiro. Na espesura do bosque as sombras dos troncos confúndennos, e aquí e alí aparécense os monxes. Imaxinación ou realidade? Neste lugar especial, máxico e fermoso, os sentidos engánannos. Estamos na Ribeira Sacra.

Miles de castiñeiros tapizan a ladeira sur do Canón do río Sil. Por riba das copas das árbores asoma o campanario dun mosteiro. Na espesura do bosque as sombras dos troncos confúndennos, e aquí e alí aparécense os monxes. Imaxinación ou realidade? Neste lugar especial, máxico e fermoso, os sentidos engánannos. Estamos na Ribeira Sacra.

Ruta de Santa Cristina de Ribas de Sil
Punto de inicioTipo de rutaKmDuración estimadaDificultade en progresiónDificultade en orientación
Praza do Barquillero (Parada de Sil)Circular18,106 h 15 min.AltaBaixa
PERFIL: Sendeiristas ocasionais

En Parada do Sil temos unha ruta compendio de todos os encantos da Ribeira Sacra. O PR G 98, perfectamente marcado, con inicio e final na praza do Barquillero. Esta praza debe o seu nome aos numerosos mozos que emigraron de Parada do Sil cara a Madrid, onde gañaban a vida vendendo “barquillos” nos seus parques e alamedas. Na praza central da vila, que conta cunha estatua en honor a estes emigrantes, imos situar o punto de inicio da ruta. Un panel informativo facilitaravos toda a información relevante para que a vosa experiencia sexa máis completa.

¡Para non perderse, para non perdelo!

A ruta ten forma de “oito”, de tal modo que podemos elixir un itinerario completo, duns 18 km, ou dous bucles, un de 8,5 km e duns 10 km o outro. Atrevémonos a recomendarvos o tramo que baixa ata o mosteiro de Santa Cristina, visita inescusable nesta comarca.

Completa ou en calquera das súas dúas bucles, estamos ante un dos mellores sendeiros de pequeno percorrido de Galicia. Ás razóns de beleza, variedade de paisaxes e escenarios históricos e culturais, hai que sumarlle unha sinalización impecable e polo xeral ben mantida, que facilita unha experiencia de encontro cun dos tramos máis emblemáticos dos Canóns do Sil.

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

Tralas pegadas do "lobishome"

Bidueiral de Montederramo

Este bosque incrustado na serra de San Mamede, dentro da provincia de Ourense, foi o centro dunha historia que conmocionou a toda España na primeira metade do S. XIX: a do “lobishome”—home lobo— Manuel Branco Romasanta.

Segundo a súa lenda, aquel home transformábase en lobo, devorando neste lugar as súas vítimas. Tan truculenta personaxe foi investigada e levada a xuízo. Primeiro foi condenado a morte e despois a propia raíña Isabel II conmutoulle a pena. A partir dese momento non se garda información do seu paradoiro. A día de hoxe aínda é posible avistar lobos na zona, —aínda que ninguén poida recoñecer neles a Romasanta—.

Unha senda circular permitiranos visitar este espléndido arboredo de bidueiros sen dificultade, e por suposto, sen temor a unha aparición perigosa de animais. Penetrarnos na súa espesura vainos proporcionar unha agradable experiencia e poderemos intentar sentir os misterios do seu pasado.

Ruta do Bidueiral de Montederramo
Punto de inicioTipo de rutaKmDuración estimadaDificultade en progresiónDificultade en orientación
A Mogaínza (Montederramo)Circular18,576 h.BaixaAlta
PERFIL: Xente con experiencia, que sabe manexar mapas e orientarse

O acceso ao Bidueiral de Montederramo pode facerse desde diferentes lugares, xa que non existen aínda rutas marcadas. Nós propoñemos unha alternativa directa. Aínda así, é preciso que vos planifiquedes ben, porque se trata dunha ruta longa e non tan sinxela como outras, ao non estar sinalizada. Recomendámosvos que antes de penetrar neste bosque visitedes a oficina de turismo de Montederramo, onde hai información sobre o bosque, posibles rutas a realizar, etc.

A ruta que propoñemos comeza na aldea da Mogainza. Desde aquí, teredes que seguir uns 6 km por unha pista de terra, non apta para vehículos, que nos levará ao momento de inicio da senda circular. Resultaravos imprescindible o mapa para evitar perdervos entre a gran cantidade de camiños e devasas que hai por toda a zona. A senda achégase aos cumes serráns, pero manténdose sempre dentro do bosque. Pasa polas Pereiras, Campo do Cabezo de Lata, Campo da Cruz e Campo da Vermella, desde onde se chega de novo ao momento de partida. Desde aquí, de novo quedaranvos os 6 km de pista de terra ata A Mogainza.

Un consello: polas características da ruta, as distancias e a escasa dificultade dos camiños, esta resulta ideal para abordar en bicicleta de montaña. Animádevos!

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

Arriba