O centenario bosque da Fervenza é un bosque autóctono que o río anega periodicamente. Nese momento, carballos de máis de 300 anos e ameneiros monumentais nadan na corrente, refrescando os abafos da súa idade. As súas lagoas, charcas e illas fluviais decoran unha paisaxe moi singular.
O bosque da Fervenza sitúase no curso alto do río Miño dentro dunha Reserva da Biosfera. Trátase dun dos máis importantes bosques de inundación que quedan na península Ibérica, nun bo estado de conservación, con bosques primarios de ameneiros, carballos, freixos e sabugueiros.
As augas do río parece que “ferven” e se embravecen nos rápidos e nas presas que as conducen a un muíño. Así o dicimos en galego, é o bosque da fervenza.
Punto de inicio | Tipo de ruta | Km | Duración estimada | Dificultade en progresión | Dificultade en orientación |
Casa rural A Fervenza (O Corgo) | Lineal | 3,5 | 2 h 30 min. | Baixa | Baixa |
PERFIL:Todos os públicos |
O bosque da Fervenza forma parte dun ecosistema que se estende ao longo da ribeira do río Miño e que conta coa figura de protección de “Reserva da Biosfera”. Está unido coa cidade de Lugo por camiños naturais, moi sinxelos e fáciles de seguir.