O conxunto de teixos máis importante de Europa atópase en Galicia. Sagrado, mítico, templo de druídas celtas…, bosque misterioso, bosque máxico. Calquera adxectivo que se aproxime á súa esencia fará voar a nosa imaxinación. A súa visita é unha viaxe ao pasado en busca dun espazo natural primixenio.
Entrar no Teixadal de Casaio é como acceder a un recinto catedralicio da natureza. Entre as ramas fíltrase a luz a modo de vidreira. Os troncos son os alicerces que suxeitan as bóvedas que forman as copas das árbores. Neste templo ao aire libre, onde resulta absurdo encerrar os deuses, quizais os druídas celtas oficiaron as súas celebracións.
Situado aos pés das montañas máis altas de Galicia, o Teixadal de Casaio aférrase a unha ladeira, nun lugar que pola súa inaccesibilidade puido permanecer oculto. Alí segue sobrevivindo desde hai miles de anos.
Ruta do Teixadal de Casaio Punto de inicio | Tipo de ruta | Km | Duración estimada | Dificultade en progresión | Dificultade en orientación |
Verea da Surbia - A Cabrita (Carballeda de Valdeorras) | Lineal | 9,5 (ida e volta) | 5 h. | Alta | Alta |
PERFIL: Só recomendada acompañado de guía |
Existen varias alternativas para coñecer o Teixido de Casaio, aínda que debemos advertir de que o acceso a este ancestral e único bosque non é sinxelo, nin moito menos apto para todos os públicos. Recomendamos que se non sodes expertos en montañismo, en interpretación de mapas e orientación, contactedes cun guía de natureza coñecedor do territorio que vos acompañe durante o traxecto. Os guías non só vos proporcionarán seguridade na montaña, senón que compartirán convosco miles de anécdotas e historias sobre os recunchos que ides percorrer.