Entre as Rías de Vigo e Pontevedra, no punto máis occidental da península do Morrazo, encóntrase a Costa da Vela. Este é un mundo virxe no que o mar e os piñeiros son os donos da paisaxe. Aquí as vistas son dunha beleza espectacular.

Como o solpor desde o Faro de Cabo Home, un dos máis altos de Galicia. Ou os cantís de Donón, de máis de 150 m de altura e contra os que o mar se bate furioso. Ou a praia de Melide, coas illas Cíes enfronte, case ao alcance da man, e desde a que non é raro ver golfiños xogando na auga. Ou xa na ría de Vigo, as paradisíacas praias de Nerga e Barra, esta última nudista, de augas transparentes e rodeada de piñeiros que chegan case ata a area.

E dominando o ceo e a terra, o mítico Monte do Facho, antigo castro e santuario celta. Está só a 160 m sobre o nivel do mar pero o seu emprazamento é magnífico para non perderse nada, desde Cabo Silleiro a Cabo Fisterra.

Descrición

Xa na antigüidade este lugar debruzado espectacularmente en cantís de máis de 150 metros sobre o mar era un lugar de peregrinación. A beleza dos miradoiros mariños xunto coas praias e os xacementos arqueolóxicos seguen a ser na actualidade os atractivos deste excelente destino natural entre as rías de Vigo e de Pontevedra.

Os achados do alto do Facho de Donón puxeron de manifesto un singular santuario, un "bosque de aras" composto por case duascentas laxes consagradas ao deus Berobreo, conservadas no Museo Municipal de Vigo. No castro galaico-romano descubríronse ata o momento 60 vivendas nun amplo recinto amurallado.

Ten doado acceso desde a localidade de Donón nunha ascensión de aproximadamente trinta minutos. É o punto central elevado da Costa da Vela desde o que as vistas panorámicas acadan un amplo treito das bocanas das Rías Baixas co Parque Nacional das Illas Atlánticas en primeiro termo.

No extremo sur sitúase o Cabo de Home con tres puntas e cadanseu faro. Entre elas acollen unha pequena enseada coa praia de Melide e protexen, xa no interior da ría de Vigo, a sucesión destoutros areais: Barra, Viñó e Nerga, cun sistema dunar de formas pouco comúns.

A zona de protección baixo as augas amplíase fronte a costa ata a cota dos trinta metros de profundidade.

Datos de interese

Situación
Concello de Cangas, no extremo occidental da península do Morrazo (Pontevedra).

Superficie
1.384,81 ha das cales 1.003 ha son de augas mariñas.

Acceso
Desvíos na estrada PO-551 entre Bueu e Cangas cara ao norte polo Hío ou ao sur por Donón.

Servizos
Aloxamento e comida nas proximidades.

Arriba
Axúdanos a mellorar!